A CIG esixe a Naturgy que manteña o Centro de Operacións da Coruña e insta a Xunta a intervir xa
En pleno proceso de transición enerxética, no que as eléctricas impoñen tempos e actuacións, e sen que haxa políticas públicas que senten as bases dun novo modelo, Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego en Galiza co peche e traslado a Madrid do Centro de Operacións de Rede da Coruña.
Os traballadores e traballadoras mobilizáronse este martes diante das instalacións (situadas no Polígono da Agrela) contra dunha decisión empresarial que só lles deixa como saída desprazarse a centros de quilómetros ou ir ao desemprego, pero que, ademais, pon en risco a seguridade e a garantía do subministro, tendo en conta a posición prioritaria desta compañía no mercado eléctrico galego, tanto na produción como na distribución.
Por iso a CIG reclama a Naturgy que dea marcha atrás na súa decisión e manteña o centro de operacións de rede en Galiza xunto cos seus 27 empregos directos. De igual xeito, a central sindical denuncia a pasividade coa que a Xunta asiste a este proceso, tanto no caso do peche do COR da Coruña como no traslado do centro de operación de conca (COC) que Iberdrola ten no Concello da Rúa.
"O Goberno de Feixoo ten que impedir estas decisións empresariais que agravan a enorme crise industrial que atravesa Galiza, supoñen destruír emprego cualificado e de calidade, e inciden na falta de mantemento e inversión da rede eléctrica, empeorando polo tanto o servizo e a atención que se presta", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Lembra que Naturgy leva décadas obtendo millonarios beneficios a conta de explotar os nosos recursos naturais "sen asumir ningún tipo de responsabilidade social ou ambiental por esta actividade". A impunidade coa que se lle permite actuar é tal que nin sequera tivo que asumiu as consecuencias do peche da central de Meirama, "ao contrario, seguirá mantemento unha posición de privilexio grazas á construción de novos parques eólicos e a produción de renovábeis", apunta Paulo Carril.
Fronte a isto, reclama a intervención inmediata da Xunta "que debe velar pola seguridade e garantía no subministro eléctrico, mais tamén para que a riqueza que se xera no noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra".