A CIG esixe a intervención da Xunta na busca de alternativas que garantan o emprego en ENCE
A federación de Industria da CIG trasladou hoxe a súa posición pública a respecto do anuncio de ENCE de despedir 39 persoas traballadoras na fábrica de Pontevedra: “Esiximos a intervención da Xunta na busca de alternativas que garantan o mantemento de todos os empregos, ao tempo que reiteramos a necesidade de pechar o ciclo produtivo para rematar co carácter especulativo da actividade da pasteira”. Por outra banda, a totalidade do cadro de persoal secundou hoxe a primeira das 12 xornadas de folga convocadas polo comité para rexeitar as rescisións de contrato e os recortes de servizos nas instalacións.
Dende a central sindical demandan a participación da Consellaría de Industria e da propia Presidencia da Xunta na toma de decisións -xunto á empresa e a representación do persoal- orientadas a preservar os postos de traballo, “xa que o que está a acontecer demostra que ENCE non conta plans industriais de futuro e que o seu interese baséase unicamente no espolio de recursos”, tal e como sinala o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde.
O que está a acontecer demostra que a empresa non conta con plans industriais de futuro e que o seu interese é unicamente o espolio de recursos
O responsábel sindical participou dende primeira hora da mañá nos piquetes informativos que se concentraron ás portas das instalacións da fábrica en Lourizán -onde tamén se despregou un importante dispositivo policial- coincidindo coa primeira xornada de folga das 12 convocadas para rexeitar os 39 despidos que pretende executar a empresa no marco do “plan de competitividade” que provocou xa a clausura do departamento médico e a eliminación de catro postos no servizo de limpeza.
Un suposto “plan de competitividade” posto en marcha pola compañía en 2024 que se basea unicamente en recortes de persoal e non en melloras tecnolóxicas, automatizacións ou optimización de procesos, polo que a representación do persoal está disposta a facer “todo o que estea nas nosas mans” para garantir o mantemento dos postos de traballo fronte a esta “chantaxe directa” da empresa, “que quere que acepetemos un despedimento colectivo fóra das canles legais a cambio de novas falsas promesas de investimentos”.
Recortes e despidos nos servizos auxiliares
ENCE leva executando nos últimos meses recortes de servizos auxiliares e despidos de persoal auxiliar, como o departamento médico da fábrica (catro despidos) ou o servizo de limpeza (outros catro despidos). Nun proceso no que a empresa nunca amosou vontade de diálogo ou boa fe nin achegou información, “pretendendo que lles asinemos un cheque en branco cos despidos como condición irrenunciable”.
Estes movementos da compañía, e as recentes visitas de directivos de Altri ás plantas de ENCE de Pontevedra e Navia, fan sospeitar a representación sindical da existencia dun pacto de venta “previa redución do cadro de persoal, rumor que se disparou tras anunciar a compañía un acordo de colaboración con Altri”.
O éxito da folga -a fábrica permanece sen actividade e só están operativos os servizos mínimos- produciuse a pesar das manobras de ENCE, que “traspasou todos os límites” ao asegurar que denunciaría a convocatoria por considerala ilegal e optando por fixar uns servizos mínimos abusivos de máis do 100%, “ademais de amedrentar o persoal, descualificar o comité e transmitir información falsa”.