A CIG esixe a implicación inmediata da Xunta para evitar a deslocalización de servizos e empregos en R
A CIG esixe a implicación inmediata da Xunta de Galiza no conflito que se está a vivir nas contratas de R Cable e Telecomunicacións e que o Goberno galego realice as xestións necesarias para frear o proceso de traslado e deslocalización de servizos e emprego iniciado por Euskaltel-Zegona.
A central considera escandaloso que o conselleiro de Industria mentira de maneira descarada durante a súa intervención no pleno do parlamento celebrado no día de onte, martes 8, ao asegurar que a Administración non ten competencias para reverter esta deslocalización e a destrución de centos de postos de traballo en Galiza, xa que se trata dunha decisión dunha empresa privada.
Como vén sendo habitual, Conde lanza unha mensaxe de cara á galería en apoio ás demandas dos traballadores e das traballadoras, afirmando que mantén un contacto permanente cos comités, cando na realidade o persoal non ten novas da Xunta de Galiza dende a reunión de primeiros do mes de agosto na que dende a Consellaría se comprometeron a xestionar un encontro con todas as partes implicadas (representación social, contratas, R e Administración) para abordar o futuro dos máis de mil empregos que están en xogo. Reunión que a día de hoxe nin se produciu nin está confirmado que vaia ter lugar.
Responsabilidade da Xunta na defensa do emprego
A CIG lembra que a Xunta ten a obriga e a responsabilidade de defender o mantemento dos postos de traballo en Galiza e a prestación dun servizo de telecomunicacións de calidade, sobre todo tendo en conta as millonarias axudas que R recibiu ao longo destes anos para a instalación e desenvolvemento da súa rede, e que foron a base do seu negocio.
Pero ademais, a Xunta tamén ten a capacidade de presión sobre as decisións empresariais de Euskaltel, na súa condición de cliente preferente con quen ten subscritos contratos millonarios polos servizos prestados por R. Servizos tan relevantes como a vixilancia da rede ou o soporte integral á plataforma do SERGAS que se verán resentidos se se consolida o seu traslado a Asturias.
Por iso, resulta indignante esta actitude da Xunta de Galiza e, en particular do conselleiro de Industria, despois das mobilizacións que os traballadores e as traballadoras están realizar dende hai meses e de que se aprobaran, a instancias da CIG, en varios Concellos da comarca da Coruña e na Deputación provincial, mocións e declaracións en apoio a esta problemática.
Indra vén de comunicar unha modificación das condición laborais
Indra acaba de comunicar unha modificación substancial das condicións laborais a 9 traballadores/as, tras a decisión de R de recortar o contrato do servizo de vixilancia de rede, prescindido das quendas de noite e de fin de semana, que pasan a realizarse dende Asturias por ZTE. Este rebaixa do contrato (efectiva a partir do 23 de outubro) suporá que a boa parte do persoal eventual non se lle renovarán os contratos, tal e como vén acontecendo dende que Euskaltel anunciou o traslado dos servizos fóra de Galiza.
A CIG entende que este movemento confirma os plan de deslocalización de Eukaltel e que a Xunta non pode quedar de brazos cruzados mentres se consuma esta nova desfeita, cuxo único obxectivo (ao igual que a posíbel venda da rede de telecomunicacións) é tirar máis beneficios a conta de precarizar as condicións e preparar o camiño para a entrada de Virgin no mercado español. O Goberno de Feijoo debe intervir e utilizar todos os mecanismos para garantir a subrogación do persoal que actualmente presta servizos para R. Un colectivo de traballadores/as que a CIG segue a defender que deberían formar parte do cadro de persoal propio da teleco.