A CIG esixe á empresa de ximnasios 'Squash' que abone de inmediato a paga extraordinaria aos seus 40 traballadores/as
A CIG-Servizos de Compostela quere denunciar publicamente os incumprimentos da empresa deportiva Squash que aínda non lle abonou a paga extraordinaria de nadal aos seus 40 traballadores e traballadoras. Esta empresa conta con dous ximnasios de alta categoría na comarca (un no Milladoiro e outro en Santiago), pero pretende escudarse na sexta vaga da covid para non pagar o que lexitimamente lle corresponde ao seu persoal.
A central sindical rexeita este argumento empresarial xa que as actividades nas instalacións se están desenvolvendo con total normalidade, seguindo as medidas hixiénicas e sanitarias establecidas pola administración. Pola contra, Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos de Compostela, entende que atrás desta decisión se atopa unha mala xestión por parte da dirección e incluso un intento de represalia contra o persoal por ter reclamado os seus dereitos e esixir o cumprimento do convenio colectivo.
Naveiro engade que este impago xa foi denunciado diante da Inspección de Traballo e avanza que se levarán adiante todas as medidas necesarias até que a empresa abone os soldos adebedados "pois non se poden permitir estes flagrantes incumprimentos laborais, e que a patronal se quede cos cartos dos traballadores e das traballadoras a conta da escusa da pandemia".