A CIG esixe a dotación de EPIs suficientes e a realización de test ao persoal de axuda no fogar e ás persoas usuarias
O persoal que presta o servizo de axuda a domicilio é un persoal cunha exposición que debería de ser considerada de risco aínda que nos protocolos editados polo Ministerio de Sanidade se consideren como de exposición de baixo risco. Para a CIG esta catolagación non atende á realidade da actividade laboral que desempeñan estas traballadoras.
“Non debemos esquecer que este persoal atende a persoas especialmente sensíbeis á Covid19 en razón da súa idade e das doenzas consideradas como de risco que moitas veces se asocian a esa idade precisamente; e que, polas características do traballo, desenvolven o mesmo sen que podan respectar o distanciamento de seguridade preciso”, explica o secretario confederal de Saúde Laboral da CIG, Francisco Xabier Cartelle.
Por iso, considera que resulta fundamental dotar as traballadoras das medidas de protección laboral axeitadas para que non sexan vector de contaxio desas persoas especialmente sensíbeis, así como para non ser receptoras de posíbeis contaxios.
Ademais, diante da situación de risco especial que entendemos sofre o persoal dos servizos de axuda a domicilio, a CIG considera prioritario que a este colectivo lles sexa realizado o test do coronavirus como se vén realizando co persoal das residencias da terceira idade
“É por iso que exiximos a realización de tests a este colectivo, así como ás usuarias e aos usuarios do servizo, e instamos aos concellos a que se unan a esta exixencia diante da administración competente. O feito de non facelo semellaríanos unha irresponsabilidade manifesta”, afirma Cartelle.