A CIG esixe a apertura da hospedaría da Casa do Mar da Coruña e frear o deterioro destas instalacións
A FGAMT-CIG e CIG-Administración da Coruña esíxenlle á Xunta de Galiza que manteña aberta a Hospedaría da Casa do Mar e que non se deixe deteriorar unhas instalacións “que prestan un servizo fundamental tanto para a xente do mar como para as súas familias”.
Hai xa tempo que a hospedaría da Casa do Mar da Coruña está a sufrir o deterioro e abandono por parte da Consellaría de Política Social. Este é un servizo que se presta ao conxunto da xente do mar: mariñeiros/as da Coruña e tripulación dos barcos de paso, mariñeiros/as que se desprazan á cidade para realizar cursos, lugar de encontro e lecer para persoas xubilada do mar etc.
Porén, nestes últimos meses a hospedaría da Coruña permaneceu pechada a pesares de que as hospedarías da Casa do Mar de Burela, Celeiro e Vigo estiveron abertas dende agosto.
A CIG lembra que estas instalación e o seu servizo están reguladas por normas internacionais como o Convenio 163 da Organización Internacional do Traballo (OIT), recollido no Convenio sobre Traballo Marítimo 2006 da OIT e ratificado polo Estado español; así como na lexislación sobre o traspaso destas competencias á Xunta de Galiza.
Polo tanto, o Goberno galego ten obriga de manter estes servizos nos portos para dar protección os traballadores/as do mar nas condicións adecuadas, algo que non está a acontecer na Coruña.