A CIG entende que o Estatuto Electrointensivo chega tarde e resulta insuficiente para dar unha solución definitiva ao sector
A CIG considera que o Estatuto do Consumidor Electrointensivo aprobado este martes polo Consello de Ministras e Ministros chega tarde e resulta insuficiente tendo en conta que non se aclara cal será a rebaixa efectiva no prezo da electricidade para a industria gran consumidora de enerxía, non establece mecanismos de garantía de emprego reais, nin se modifica o mercado de casación de prezos no mercado maiorista, a pesar de ser a principal causa do elevado custe da electricidade para o sector.
Á espera de coñecer polo miúdo o contido exacto do Estatuto cando saia publicado no BOE, para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "estamos ante unha constatación máis desta acumulación de atrasos inxustificados por parte do Goberno español, co impacto que ten na nosa industria que o estatuto non estea aprobado dende hai meses e nunhas coordenadas que senten as bases para a creación dunha tarifa máis xusta, estábel, predicíbel e competitiva".
Paulo Carril advirte que o Goberno segue sen aclarar cal vai ser a rebaixa efectiva no prezo da electricidade para o sector, malia que esta indefinición é á que se veñen agarrando as empresas para ameazar a continuidade dos postos de traballo e da actividade, aplicar regulacións de emprego, recortar dereitos ou non realizar investimentos nas fábricas e nos procesos produtivos.
Quen asumirá os custes?
Neste senso, sobre o anuncio da rebaixa do recibo eléctrico nun 13%, fundamentado en sacar das peaxes as primas ás renovábeis (por valor duns 7.000 millóns de euros), a CIG teme que isto supoña trasladar os custes a todas as empresas enerxéticas, incluídos os prezos dos carburantes, e que estas acaben cargando este gasto sobre o conxunto das persoas consumidoras. Xunto a isto, segundo o anunciado polo Ministerio, o estatuto contempla tamén unha retirada do 85% das peaxes de extrapeninsulares, pero non se explica quen asumirá estes custes.
Carril lembra que na proposta de tarifa industrial elaborada pola CIG en 2018, propúñase eliminar o 100% das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema e que estes custes sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado, incluíndo tamén o déficit tarifario. No caso da peaxe de transporte, a proposta da CIG contemplaba ademais unha compensación do 100% para as electrointensivas instaladas naquelas comunidades autónomas que exportan electricidade, como é o caso de Galiza.
De igual xeito, a nova regulación non modifica o mercado de casación de prezos no mercado maiorista (o denominado pool) aínda que isto constitúe a principal causa do alto prezo da luz para as electrointensivas, posto que as peaxes para estas industriais teñen unha repercusión menor, xa que canto maior é a potencia contratada menor é o cargo por peaxes.
Doutra banda, o secretario xeral da CIG apunta que o Estatuto rebaixa os requisitos para ter a consideración de industria electrointensiva, pois agora asumen esta categoría máis de 600 empresas, "desvirtuándose así a condición real de electrointensiva". A maiores, alerta Carril, o Goberno español "segue a fiar a dúas variábeis absolutamente arbitrarias a consecución dun prezo estábel e competitivo: o prezo á baixa polo impacto que pensan suporá a introdución de renovábeis e a que as PPA sexan a solución facéndoas atractivas a través do Fondo de Reserva".
Compensación por CO2
Se ben a compensación por CO2 sube até os 200 millóns de euros no próximo ano, o seu efecto dilúese ao pasar das 119 empresas que empregaban a interrumpibilidade a 612, ao rebaixarse os criterios para ser considerada empresa electrointensiva.
Sen garantías de emprego e da continuidade produtiva
Para a CIG resulta preocupante que o Goberno, como todo parece indicar, non atendera as alegacións presentadas a respecto das garantías de emprego e de mantemento da actividade esixíbeis ás empresas beneficiadas, incidindo na desprotección recollida no RD 20/2018. Pola contra, a central nacionalista reclamou que toda empresa que reduza en máis dun 20% a súa produción ou os postos de traballo actuais (vía ERE ou ERTE), ou que non respecte as condicións laborais, debera ser excluída automaticamente da posibilidade de recibir estas axudas e obrigada a súa devolución.