A CIG-Ensino xa non recoñece como interlocutor o conselleiro de Educación e pide a súa dimisión
Representantes da CIG-Ensino, xunto con STEG e CSIF-Ensino, logo de dúas mañás de peche nas instalacións da Consellaría en San Caetano, foron novamente expulsados das instalacións do gabinete do conselleiro, tras ser identificados pola policía. En ningún momento se procurou por parte de Román Rodríguez abrir portas para solucionar o que é xa o maior conflito laboral no eido educativo nos últimos anos. Tras este segundo desaloxo queda constatada a nula vontade negociadora do titular de Educación, ademais da ausencia total dun mínimo talante democrático.
Antes desta negativa, Rodríguez xa puxera como muro de contención para reabrir unha negociación real os tres sindicatos minoritarios que deron o seu apoio ao acordo rexeitado pola maioría sindical e, como se puido comprobar ao longo deste trimestre, pola maior parte do profesorado que participou masivamente tanto nas manifestacións como nas accións de protesta nos centros como nas dúas xornadas de folga convocadas, cun seguimento moi superior ao dos últimos 10 anos.
“A día de hoxe non houbo ningunha resposta por parte de CCOO, ANPE ou UGT ás declaracións de Rodríguez, polo que non podemos afirmar se é certo, como dixo o conselleiro, que sexan eses tres sindicatos os que poñan trabas para poder superar as renuncias do acordo asinado ou se se trata dunha simple escusa para non asumir a súa responsabilidade política”, declarou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, desde o interior de San Caetano.
Dimisión do conselleiro
“Diante desta situación, tanto desde a CIG-Ensino como desde os demais sindicatos consideramos que Román Rodríguez queda totalmente desacreditado como posíbel interlocutor, polo que demandamos a súa dimisión con carácter inmediato”, salientou Bermello.
“Queda claro que a única responsabilidade é agora mesmo do presidente Rueda, quen estampou a súa sinatura no acordo do 11 de outubro e quen, con claridade, está detrás da decisión de bloquear calquera posíbel vía de diálogo e de entendemento entre Educación e a representación maioritaria do colectivo docente ao que o seu goberno non fai máis que desprezar (CIG-ENSINO, STEG e CSIF-ENSINO contan co 60% dos votos e o 59% das delegadas e delegados do persoal docente).
A CIG-Ensino tamén dá por superado como marco de negociación deste Acordo a Mesa Sectorial docente toda vez que non foi escoitada a maioría sindical na mesma e que, con todo, a Xunta de Galiza segue a ningunear ao anunciar hoxe mesmo Rueda a OPE para 2024 nunha rolda de prensa propagandística antes de levala a este órgano.
Novas accións
Os tres sindicatos promoverán novas accións reivindicativas no segundo trimestre escolar, dándolle de novo a voz e o protagonismo ao profesorado galego que a Consellaría se nega a escoitar.
A CIG-Ensino reivindica este papel central do persoal docente e chama a manter a capacidade de reacción e de compromiso amosada ao longo deste trimestre na defensa dos nosos dereitos laborais fronte ao intento da Xunta de tirar pola borda as reclamacións que desde hai máis dunha década uniron a todo o profesorado: recuperar os horarios lectivos (18 e 21 períodos lectivos), aprobar unhas reducións das ratios en prazos moito máis breves e a súa aplicación en todas as ensinanzas, limitar con carácter inmediato a lacra burocrática que padecemos como docentes e distribuír equitativamente a limitada e segregadora suba retributiva.
Á saída das dependencias da Xunta, Suso Bermello, lembrou que “nin nos vendemos nin nos rendemos e seguiremos demostrándolle á Xunta e ao seu presidente que o profesorado merece respecto e dignificación profesional”.