A CIG-Ensino urxe a negociar a adscrición dos estudos artísticos superiores á universidade
A CIG-Ensino vén de dirixirlle un escrito á conselleira de Educación no que pon o acento na incerteza e malestar ocasionados entre a comunidade educativa das catro Escolas de Artes e Superiores de Deseño (EASD) de Galiza logo do anuncio da futura oferta dun Grao en Deseño e Creación en Pontevedra (UVigo) e tras anos de negativa da Xunta a desenvolver a normativa que permitiría a adscrición dos estudos artísticos superiores ás universidades galegas. Así, urxe unha negociación que teña en conta a oferta actual e as lexítimas demandas do profesorado e alumnado destes centros.
Desde o sindicato veñen demandando dende hai anos que adscribir os estudos artísticos ao Sistema Universitario de Galiza (SUG) é a mellor solución para o alumnado destes estudos, xa que resulta ilóxico que unhas ensinanzas conducentes a unha titulación equivalente a todos os efectos a un título universitario de grao se sigan impartindo en centros que se rexen pola mesma normativa que os institutos de educación secundaria, “convertendo o seu alumnado en estudantado de ensino medio, cuns dereitos que nada teñen que ver cos do alumnado universitario”.
Esta demanda é asumida e compartida desde o ano 2012 pola Plataforma Galega pola Adscrición e a Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario Galego e ten pleno respaldo legal. “Só é cuestión de vontade política e dunha negociación global da oferta destes estudos equivalentes a grao entre a Consellaría de Educación e as universidades”, sosteñen.
Neste sentido a CIG-Ensino chama a atención sobre a incongruencia que supoñen os criterios da propia Xunta á hora de negar titulacións con duplicidades no SUG e o anuncio desta nova titulación sen ter en conta a propia rede actualmente dependente da Consellaría e na que se imparten estudos artísticos superiores. Urxe, por tanto, unha negociación que teña en conta a oferta actual e as lexítimas demandas do profesorado e alumnado destes centros.