A CIG-Ensino rexeita a creación dunha universidade privada en Galiza
Logo de coñecer recentemente a intención de crear unha Universidade Privada en Galiza a través de diferentes medios de comunicación e despois de comprobar como a propia Xunta de Galiza parece prezarse desta iniciativa privada dándolle cobertura a través da páxina web da Consellería de Educación, a CIG-Ensino traslada á opinión pública a súa oposición a esta nova proposta de privatización da educación, neste caso do ensino superior.
Precisamos un sistema educativo inserido na nosa realidade nacional para que dea resposta acaída ás necesidades da educación na Galiza, facilite o acceso en igualdade de condicións ao conxunto dos cidadáns e cidadás, garanta un sistema educativo propio, destine os orzamentos necesarios á educación pública, remate coas subvencións ao ensino privado e camiñe cara asumir todas as competencias en materia educativa.
Na imperiosa necesidade de asumir estes principios básicos non ten cabida a creación dunha Universidade privada, xa que o dereito á educación pública universal supón un piar imprescindíbel para construír unha sociedade democrática. Sen uns servizos públicos para todos e todas non é posíbel camiñar cara á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Por iso, a educación non debe converterse nunca nun negocio, nunha mercadoría máis.
As tres Universidades de Galiza e os seus sete campus poderían ofrecer unha cobertura a todo o territorio e adaptarse ás necesidades sociais e laborais que precisamos, podendo ampliar a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos que sexan precisos. Non obstante, hai que denunciar publicamente que a propia Xunta limita as potencialidades do sistema universitario público impoñéndolle unha cláusula de estabilidade que implica que para poñer en marcha unha nova titulación é preciso retirar outra ou diminuír o número de estudantes noutras titulacións. En definitiva, impide que medre o alumnado global do sistema universitario galego. De feito nos últimos anos estase rexistrando unha tendencia crecente de transvase de alumnado cara as universidades privadas que coa autorización que se anuncia quere impulsarse xa definitivamente.
A esta Universidade privada soamente poderán acceder un grupo de alumnado que economicamente poida pagar eses estudos, ou aqueles que recorran a un maior endebedamento e nela se reforzará a exclusión do noso idioma, en contra dos propios principio recollidos na Lei 6/2013, de 13 de Xuño, do Sistema universitario de Galiza.
Existen serias dúbidas sobre a capacidade desta universidade privada para dotarse de profesorado de calidade e co nivel formativo necesario. Non se pode admitir que recorra a fórmulas fraudulentas (como conferenciantes, visitantes) para servirse de profesorado das universidades públicas violando as normas de compatibilidades. Ademais hai que chamar a atención sobre os problemas que pode suscitar unha eventual autorización para as titulacións que actualmente se imparten como centro adscrito a algunha das universidades do SUG.
É de todos e todas coñecido que ningún centro universitario sen orzamento público se sostén no tempo. Unha Universidade privada en Galiza é un feito extremadamente grave para a sociedade galega. Non só falamos dun chanzo máis na privatización do ensino, senón que falamos dun duro golpe na Universidade Pública de Galiza.
Unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego.
Por todo isto solicitamos que:
- Se elimine o veto á entrada de alumnado no sistema público que supón o criterio de estabilidade no número de alumnos do SUG.
- Se teñan en conta e motiven axeitadamente os criterios de número e variedade de titulacións, profesorado (doutor e non doutor), medios materiais e humanos esixidos para poñer en marcha universidades así como os demais argumentos aquí expostos nos informes previos necesarios para a constitución deste centro, que deben elaborar a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o Consello Galego de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.
- Se expoña con claridade como afecta ás titulacións impartidas nos centros adscritos actualmente ás universidades do SUG.
- A Xunta de Galiza evite a creación por parte do Banco BANESCO INTERNACIONAL dunha Universidade Privada no noso País.