A CIG-Ensino revalida a súa posición como primeira forza sindical no sistema universitario galego
A CIG-Ensino vén de revalidar a súa condición de central maioritaria no conxunto das tres universidades galegas após a celebración onte das eleccións sindicais. Dun total de 208 persoas que conformaban a súa candidatura foron elixidos 38 delegados e delegadas, 13 da categoría de PDI (persoal docente e investigador) funcionario e 25 laborais. Con respecto á seguinte organización sindical, CCOO, obtivo case unha cuarta parte máis de representantes electos.
Por universidades, a CIG-Ensino conseguiu 14 delegados e delegadas na USC, distribuídos do seguinte xeito: 5 entre o PDI funcionario, 7 entre o PDI laboral do campus de Santiago e 2 entre os/as laborais do campus de Lugo.
Pola súa banda, na Universidade de Vigo a CIG renova a súa condición de sindicato máis votado, sendo 13 os representantes electos, neste caso repartidos entre 5 do colectivo de PDI funcionario, outros 5 entre o PDI laboral dos campus de Vigo e de Pontevedra e 3 laborais do campus de Ourense.
Por último, na Universidade da Coruña os resultados tamén foron moi positivos ao obter 11 delegados e delegadas dun total de 38 que se elixían. Neste caso 3 corresponden a PDI funcionario e 8 a PDI temporal, colectivo este último no que por vez primeira a CIG gaña as eleccións sindicais na universidade coruñesa.
PDI con dereitos e sen precariedade
Con este lema a CIG-Ensino concorreu a estes comicios co obxectivo de recuperar o 13% do poder adquisitivo perdido polo PDI das universidades galegas desde o ano 2010, así como o pago completo das pagas extras nos conceptos dependentes do Estado (salario base e trienios) e o complemento específico nas pagas extras recurtado polo goberno Feijóo durante os anos 2013-2016. Pero ademais de intentar reverter os efectos perniciosos que tiveron os recortes no salario do profesorado e do persoal investigador, o sindicato incorporaba no seu programa outro eixe fundamental: a reposición de efectivos, lastrada polas taxas de reposición aprobadas polos gobernos de PSOE e PP en Madrid e que contaron co beneplácito dos sindicatos estatais (CCOO, UGT e CSIF). A imposibilidade de renovar e de incorporar novos activos nestes últimos anos levou a que o cadro de persoal das universidades galegas sexa dos máis envellecidos de todo o Estado e frustrou a carreira profesional de miles de persoas que ou ben abandonaron as súas aspiracións na Universidade ou ben emigraron fóra de Galiza para poder seguir desenvolvendo o seu traballo como docentes ou investigadores/as.
Outros aspectos que complementaban o programa tiñan que ver coa reclamación da extensión do dereito á xubilación anticipada aos 60 anos de idade para todo o PDI, tamén para o que se incorporou á función pública despois de 2011, que se viu privado desta posibilidade tras a reforma das pensións pactada polo goberno de Zapatero con CCOO e UG, así como a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais e outras cuestións básicas no terreo da saúde laboral e medidas efectivas para a conciliación laboral e familiar e para a promoción do noso idioma.
Agradecementos
A CIG-Ensino quere agradecer unha vez máis a confianza depositada polo profesorado e polo persoal investigador das tres universidades galegas e comprométese a seguir traballando para que exista unha verdadeira negociación tanto na Mesa Xeral do Ministerio como no ámbito galego que permita abordar os principais retos e problemas dunha institución básica para o noso País. Así mesmo, será o garante da defensa dun sistema universitario galego público fronte á pretensión de implantar unha universidade privada en Galiza que parece que conta co aval da propia Xunta de Galiza.