A CIG-Ensino responsabiliza a propia Consellaría do recurso contra a sentenza por enchufismo
A CIG-Ensino amósase decepcionada coa decisión da conselleira, “tomada persoal e conscientemente”, de recorrer con fondos públicos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de anular a creación e a adxudicación dunha praza para a cuñada da actual secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza no Concurso Xeral de Traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

Lembra que no auto fálase de “torcida actuación, desviación de poder, ocultismo e evidente mostra de nepotismo”, mais “estas consideracións non deben ser suficientes para que o departamento de Carmen Romar acate a sentenza, optando por gañar tempo para non executar a sentenza, evitando deste xeito poñer fin a un escandaloso caso de nepotismo”.
"A consellaría, co enchufe e o recurso da sentenza, está rachando a xa escasa confianza que existía entre o persoal docente sobre o cumprimento estrito da legalidade vixente para optar a un destino definitivo"
Así mesmo, as explicacións achegadas pola nova conselleira non deixan de ser cando menos sorprendentes. Literalmente, segundo a nota que publicou na web da Consellaría, ataca a CIG-Ensino por buscar “a preservación de prazas ocupadas por persoal interino ou non especialista fronte a unha docente funcionaria de carreira”.
Mentres que “no sindicato velamos pola defensa dos traballadores e pola transparencia dos procesos de adxudicación de destino, tanto provisionais como definitivos, en concordancia co que nos fixo chegar a dirección e o claustro dese centro, a Consellaría non respecta a lei nin as sentenzas xudiciais”, asegura a CIG-Ensino.
É máis, “coa decisión de recorrer, con cargo ao erario público, o que demostra é que está a romper as regras de xogo sobre a oferta de vacantes definitivas e, deste xeito, a xa escasa confianza que ten o profesorado galego sobre a transparencia no Concurso Xeral de Traslados”, afirma.