A CIG-Ensino renovará o 40% da súa dirección no seu VII Congreso
A CIG-Ensino celebrará o seu VII Congreso o vindeiro sábado día 17 de xuño, na facultade de Ciencias Políticas, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Profesorado valorado nunha educación pública e galega”. Un Congreso no que está prevista a renovación do 40% da súa Executiva -incluído o secretario nacional, Anxo Louzao, que deixa a dirección da federación tras 16 anos- e no que se definirán as liñas de actuación para os vindeiros catro anos.
O VII Congreso da CIG-Ensino comezará a sesión ás 10:30 horas e o acto de clausura está previsto para as 16:30 horas. Ao longo de toda esa xornada 200 delegados/as debaterán o informe da Executiva saínte, no que se recolle o traballo desenvolvido nestes últimos catro anos; o relatorio de Acción Sindical, no que se debullan os obxectivos da federación para o próximo período e as modificacións estatutarias.
Respecto do Informe da Executiva, o secretario nacional, Anxo Louzao, salientou a inxente actividade durante este período marcado por un endurecemento das políticas neoliberais, con recortes de dereitos sociais, laborais e liberdades democráticas e, sobre todo, pola imposición da LOMCE, a marxinación da nosa lingua e a privatización do ensino público, toda vez que se destinaron ao ensino privado concertado miles de millóns de euros.
Louzao denunciou o “seguidismo total e absoluto de Madrid” da consellaría de Educación “desentendéndose do sistema educativo galego” e a súa “actitude antidemocrática, autoritaria e caciquil”.
Lembrou a resposta sindical permanente que se deu desde a CIG-Ensino a estes ataques, con múltiples mobilizacións contra “estas políticas nocivas para o ensino público”; contra a privatización do ensino; contra a aplicación da LOMCE, coa convocatoria e participación en nove folgas e mobilizacións no ensino, a recollida de máis de 20.000 sinaturas contra esta lei e o boicot ás reválidas desde a PGDEP.
Nestes catro anos tamén se desenvolveron campañas e mobilizacións en demanda da recuperación dos dereitos arrebatados ao profesorado, nomeadamente contra o incremento da carga horaria lectiva, a redución salarial e das pagas extras e mesmo chegou a presentarse unha ILP neste sentido co respaldo de máis de 23.000 sinaturas.
A CIG-Ensino tamén exixiu, de forma permanente máis dotación de profesorado nos centros e a redución das ratios e combateu os concertos educativos cos centros que segregan por razón de xénero, conseguindo que o propio Tribunal Supremo contra a concesión dos concertos con este tipo de centros ás que se lle quixo dar validez coa LOMCE. Conseguiuse tamén que se lle recoñecera ao profesorado o dereito a ter un recoñecemento médico anual.
Durante este período a CIG-Ensino reclamou tamén máis orzamentos para o ensino público, desenvolveu unha campaña de valoración do labor docente, coa recollida de máis de 9.000 sinaturas, e a celebración de máis de 1.000 asembleas. Demandouse o dereito a usar audiovisuais como material docente e combatéronse, de todos os xeitos posíbeis, as agresións contra o noso idioma, que ten agora menos presenza aínda que cando se impuxo o Decreto de Plurilingüismo.
Incremento de afiliación e representatividade
O secretario nacioanl de CIG-Ensino tamén valorou positivamente que durante este período se conseguira ampliar a afiliación nun 6% e que se incrementara a representación tanto no ensino público como no privado. A este respecto subliñou que a CIG-Ensino é maioritaria no ensino público non universitario, onde ten o 46% de representación, case a maioría absoluta e é tamén a primeira no ensino universitario.
Liñas de actuación para o próximo período
O VII Congreso da CIG-Ensino debaterá ademais un relatorio de Acción Sindical no que se recollen as liñas básicas de actuación para os vindeiros catro anos. Un período no que se prestará especial atención á restitución dos dereitos laborais e sociais do profesorado e a conseguir unha redución das ratios con máis profesorado nos centros para atender a diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais.
Isto xunto co compromiso de seguir coa “mobilización e o combate permanente” até conseguir a derrogación da LOMCE e unha Lei Galega de Educación da que xa se fixan “os alicerces” na ILP que foi debatida no Parlamento e rexeitada pola maioría do PP.
Defensa da nosa lingua
Louzao sinalou que no relatorio tamén se defende a necesidade dun modelo de inmersión lingüística que permita conseguir que o galego sexa lingua vehicular no ensino; un Estatuto Galego do Profesorado; defensa dun novo marco político e educativo galego e a democratización e desburocratización dos centros.
Retos, todos estes, que xunto ao de continuar incrementando a representatividade da CIG, obrigarán a manter un traballo permanente.
Para este VII Congreso está prevista unha importante renovación dos órganos de dirección da federación. De feito, non renovarán na vindeira executiva o 40% dos seus membros, nomeadamente Marta Dacosta, Duarte Correa, Xosé Lois Rivera, Paula Bergantiños e o propio Louzao.
A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino adiantou que, polo momento, e aínda que o prazo non remata até 48 horas antes do inicio das sesións congresuais, hai unha única candidatura presentada, encabezada por Xesús Bermello.