A CIG-Ensino renovará este sábado no seu VII Congreso a dirección que a levou a ser maioritaria

Este sábado, día 17 de xuño, baixo o lema “Profesorado valorado nunha educación pública e galega”
Nacional - 16 Xun 2017

A CIG-Ensino celebra o seu VII Congreso mañá sábado, día 17 de xuño, na facultade de Ciencias Políticas, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Profesorado valorado nunha educación pública e galega”. Unha intensa xornada de debate na que se avaliará o traballo desenvolvido durante este período e no que se definirán as liñas de actuación para os vindeiros catro anos.

Para a CIG-Ensino este Congreso ten especial relevancia porque está prevista a renovación do 40% da súa Executiva e, sobre todo, porque o que foi o seu secretario nacional nos últimos 16 anos, Anxo Louzao, dá paso ao relevo xeracional, logo de toda unha vida de compromiso co sindicalismo nacionalista e de loita por un ensino público, gratuíto, laico, científico e galego.

Durante o seu mandato, Louzao, e as/os compañeiras/os que canda el traballaron intensamente no ámbito do ensino, conseguiu situar á federación como primeira en capacidade de mobilización e en afiliación e como maioritaria en representatividade, tanto no ensino público non universitario, onde ten o 46% -case maioría absoluta-, como no ensino universitario, incrementándoa tamén no ensino privado.

Unha única candidatura presentada

Pechado o prazo de presentación de candidaturas confírmase que só unha concorrerá á secretaría nacional, á Executiva federal e ao Consello Confederal, todas elas encabezadas por Xesús Bermello.

O inicio do VII Congreso está previsto para as 10:30 horas e o acto de clausura dará comezo as 16:30 horas.

Horarios

10:00 Recepción de congresistas.

10:30 Regulamento do congreso e votación. Apertura do congreso.

11.00 Informe de xestión económica. Informe da Executiva Federal e votación.

12.15 Elección da Mesa Presidencial. Presentación e debate dos estatutos e do Relatorio de acción sindical.

12.50. Presentación de candidaturas.

13:00.  Votacións.

14:00.  Xantar.

16:30. Acto de clausura

  • Intervención das delegacións convidadas.
  • Presentación dos candidatos e candidatas electas.
  • Resolucións do congreso.
  • Intervención do secretario xeral da CIG.

Clausura pola secretario nacional da CIG-Ensino electo.