A CIG-Ensino recorre os ceses, a 30 de xuño, do profesorado contratado como Plan MEGA 24/25

O sindicato considera que se están a empregar indebidamente fondos destinados á inclusión educativa e que se discrimina a docentes que non substitúen a ningún titular
Nacional - 14 Out 2024

O uso indebido, a xuízo da CIG-Ensino, que a administración vén facendo dalgúns fondos europeos chegou neste curso ao extremo co denominado Plan Promociona, que figura nas contratacións de setembro como Plan MEGA. A Consellaría, no canto de destinalos ao fin expreso para o que están destinados,  empregounos para tapar buratos dos recortes executados a comezos de curso.

Os 159 postos de traballo ofertados o día 9 de setembro como Plan MEGA, aos que hai que engadir 4 máis ofertados ao día seguinte, non seguen os criterios de ningún contrato programa (como o PROA+) e son adxudicacións de postos de traballo, como xa denunciou a CIG-Ensino, empregados pola Consellaría para cubrir postos necesarios para o funcionamento ordinario dos centros de ensino e que previamente foron negados en xullo. Por iso o sindicato considera que se están desviando fondos que deberían destinarse ao alumando con necesidades educativas especiais, dentro do programa de inclusión educativa financiado con máis de 3 millóns de euros pola Unión Europea a través do Ministerio de Educación.

Recurso de rectificación

A CIG-Ensino presentou hai unha semana un recurso no que se exixe á Consellaría unha rectificación nestes contratos e que se estendan até o 31 de agosto.

Considera ilegal o cese dese profesorado a 30 de xuño porque non están substituíndo a ninguén e realizan funcións ordinarias das súas especialidades. Prodúcese, ademais, unha discriminación xa que simultaneamente a estas 163 contratacións e mesmo en semanas seguintes se están a adxudicar prazas para facer o mesmo traballo (docencia ordinaria propia das diferentes especialidades) e sen que tampouco haxa profesorado substituído, mais neste caso con nomeamentos correctos até 31 de agosto.

No caso dos 163 postos MEGA, hai 121 (o 74%) a xornada completa e 42 (o 26% ) a media xornada. Entre o 9 de decembro e o 11 de outubro ofertáronse, tanto a xornada completa como a media xornada, un número elevado de prazas que figuran como “interinidade sen substituído”. Nun estudo realizado polo sindicato nestas semanas constatouse en numerosos casos que as funcións que realizan uns e outros, malia figurar con motivos diferentes, son exactamente as mesmas, polo que se estaría a producir unha discriminación sen ningunha razón obxectiva.

Cambio nas contratacións

A CIG-Ensino demanda un cambio nas contratacións para substituír persoal que non se incorpora en todo o curso.

Considera que se debe modificar o criterio empregado con outros nomeamentos de profesorado substituto para ocupar postos de docentes que deixan o centro para realizar funcións que implican que non retornarán en todo o curso (RAOGAL, Polos creativos, FP dual…).

Aínda habendo persoal a substituír entende que “non estamos diante dunha verdadeira substitución senón dunha artimaña da Xunta para evitar o pago dos meses de xullo e agosto, motivo polo que cesan este persoal a 30 de xuño”.

A CIG-Ensino afirma que “esta actuación da Consellaría non se produciría se se respectase o dereito, arrebatado en 2012 pola administración autonómica, ao pagamento dos meses de verán ao persoal substituto que traballa cinco meses e medio ao longo do curso, situación na que están todos estes casos”.