A CIG-Ensino reclama que non haxa máis 8 de marzo sen Plan de Igualdade para o Profesorado
A CIG-Ensino reclamou esta mañá, cunha concentración diante da consellaría de Educación, que se inicien os trámites de constitución da Comisión de Negociación do Plan de Igualdade do persoal docente para que non haxa “máis 8 de Marzo sen Plan de Igualdade para o Profesorado”.
No ensino público galego non universitario as mulleres supoñen o 73.7% do persoal. Ao continuo empeoramento das condicións de traballo -aumento do horario lectivo, elevadas ratios até 200 estudantes por docente en moitos casos, de carga burocrática, impartición de materia das que non somos afíns, itinerancias entre varios centros- e os recortes de salario -perda do poder adquisitivo dende 2010 de máis dun 18% (subas salariais insuficientes, pagas extras recortadas e ausencia de cobro do mes do verán para as substitutas)- súmase a presión que supón o coidado de maiores e menores, que recae moi maioritariamente nas mulleres.
A CIG-Ensino apunta, nese sentido, que son maioritariamente as mulleres quen colle excedencias por coidado de familiares, reducións de xornada, restricións de zona para aceptar contratos ou mesmo renuncias a traballar… coa consecuente fenda salarial e de cotización de cara á xubilación e a prestacións por incapacidade.
Lembra que reclamou en varias ocasións, por escrito, en Mesa Sectorial e en reunión co Conselleiro de Educación, o inicio dos trámites para a constitución da comisión de negociación, sen resposta algunha. Por iso esta mañá fíxoo cunha concentración diante da Consellaría de Educación na que participaron delegadas e delegados.
A CIG-Ensino considera que para a diagnose e a corrección das desigualdades que se producen, a elaboración e execución dun plan de igualdade docente é unha ferramenta fundamental, mais, denuncia, “a administración educativa non tivo intención de negocialo, pese a que o texto refundido do EBEP, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, expresa a obriga das Administracións Públicas de elaborar un Plan de Igualdade a desenvolver no acordo de condicións de traballo do seu persoal”.
Plan de Igualdade
Este plan debe recoller a prevención do acoso laboral, sexual, por razón de sexo, orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero ou outras expresións de violencia no traballo, ante as que non existe, nestes momentos, ningún protocolo de actuación que ampare ao profesorado.
O pasado mes de novembro a CIG-Ensino publicou un informe divulgando os resultados da enquisa sobre igualdade na que participou un milleiro de docentes, na que se manifestaba que o 80% das participantes consideraba necesario un plan de igualdade e ata un 91% que podería ser útil para combater os diferentes tipos de acoso que podemos sufrir no noso centro de traballo.
A Consellería de Educación desatende a súa obriga, segundo a CIG-Ensino, “escudándose na Administración Pública da Xunta, que á súa vez leva un ano obstaculizando a negociación do seu propio plan”. Matiza, con todo, que aínda que por fin vén de publicar o compromiso de elaboración do mesmo, “a consellería de Educación sabe que a diagnose que poida facer Función Pública non vai recoller información relativa a situación do profesorado e a inmensa maioría das medidas que precisamos que se negocien non van estar nese plan. Nada impide polo tanto que se poida producir unha negociación paralela”.
Unha vez constituída a comisión, da que a CIG-Ensino ten que formar parte, a base fundamental do plan será a elaboración dunha diagnose con datos actualizados en cuestións como: permisos, reducións e excedencias por coidado de familiares solicitados por mulleres e homes, nivel de formación, presenza en cargos docentes e non docentes... En función das conclusións haberá unha negociación de medidas concretas, prazo de execución e indicadores que permitan medir a implantación de cada unha. Entre elas entende que se deberan recoller os seguintes aspectos:
- Exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar: permitir a adaptación da xornada sen facer redución desta, revisar a normativa de permisos e licenzas …
- Retributivas: estabelecer medidas efectivas para eliminar calquera fenda retributiva
- Formación: impartir formación durante a xornada laboral e con perspectiva de xénero
- Riscos laborais: introducir a perspectiva de xénero na avaliación de postos de traballo e facer efectiva a licenza por risco no embarazo e lactación
- Proceso de selección ou contratación: recoller na convocatoria das oposición determinadas casuísticas derivadas do parto ou lactación. Modificar a normativa para garantir que se reserve unha vacante e se lle recoñeza o tempo como servizos prestados a unha muller en situación de IT derivada do embarazo
- Promoción profesional e infrarrepresentación feminina: garantir que o uso dos dereitos de conciliación non sexa un atranco para a promoción profesional
- Violencia de xénero: elaborar un protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero
- Protocolo para a prevención e procedemento de actuación nos casos de denuncia por acoso: divulgar o protocolo e garantir a efectividade do proceso
Outro dos puntos que debería ir incluído no Plan de igualdade é que se recoñeza a figura de coordinador ou coordinadora de Igualdade nos centros educativos e non se deixe de novo nas mans do voluntarismo do profesorado que asume estas funcións. Desde o sindicato demándase expresamente que esta figura conte con redución horaria, complemento económico e outro tipo de recoñecementos, como puntuación de cara ao Concurso de Traslados, ao igual que outras coordinacións.