A CIG-Ensino reclama á Consellaría o cumprimento do catálogo de postos de traballo no CEIP Pastor Barral de Melide
Exixe que se atendan todas as necesidades educativas do alumnado, mentres as familias seguen sen enviar ao estudantado ás aulas
O alumando do CEIP Pastor Barral de Melide leva desde o principio de curso sen asistir a clase. Mañá haberá de novo concentración para reclamar que se cubra a praza de mestra de Francés que lle corresponde por catálogo a todos os centros de Primaria que teñan máis de 6 unidades, tal e como se recolle nun acordo de 2007 que contou co apoio unánime de todos os sindicatos, incluída a CIG-Ensino. Ademais, neste centro precísanse máis especialistas para atender á diversidade porque as existentes teñen horario a tempo completo entre a aula específica e casos concretos que fan insuficientes que os recursos cheguen a todo o alumnado.
A comunidade educativa do CEIP Pastor Barral de Melide mantense unida seis días despois do inicio de curso arredor das reclamacións do persoal docente que lle corresponde a este centro por normativa. Hoxe ningunha familia volveu enviar o alumnado a clase e concentrouse ás portas do colexio a primeira hora e mañá teñen previsto continuar coas protestas despois de que a reunión co director territorial da Consellaría de Educación mantida onte resultara “decepcionante”.
Segundo transcendeu do encontro, o responsábel da Xunta argumentou que a praza de mestre ou mestra de Francés non lles corresponde por non impartirse este idioma no centro, o que demostra un grave descoñecemento pola súa parte da normativa que regula os catálogos de postos de traballo nos centros de infantil e primaria en Galiza.
Incluído no catálogo docente
Tal e como se recolle desde o ano 2007 nun acordo asinado por todas as organizacións sindicais coa Consellaría de Educación, calquera colexio de Primaria de Galiza con máis de seis unidades terá incluído no seu catálogo un docente desta especialidade que, na maior parte dos casos ao non impartirse esta lingua estranxeira, realiza labores de titoría. De aplicarse esta norma a todos os centros que cumpren este requisito serían practicamente o 90% dos colexios os que terían que reducir unha praza docente definitiva.
Polo demais, tanto o director territorial como a xefa de inspección comentaron na reunión que as casuísticas de atención á diversidade son “apenas cinco” e que por iso non se precisaba de máis especialistas de PT e AL.
Desde o centro recordan que contan cunha aula específica, que é un recurso excepcional no que se inclúen até 5 nenos e nenas con Necesidades de Apoio Específico que están atendidos practicamente todo o tempo por un mestre ou mestra de Pedagoxía Terapéutica e o outro especialista que existe no centro tamén ten cuberto o seu horario atendendo a alumnado NEE.
Alumnado NEE e NEAE
O equipo docente recorda que en total o alumnado NEE e NEAE suma 14, como lle foi trasladado por escrito á inspección educativa a principios de xullo, a maiores de 5 casos de dificultades de aprendizaxe ou incorporación tardía e outro alumnado pendente de valoración polo SERGAS, polo que “estas palabras son tan desafortunadas como incorrectas”.
Esta mañá despois da concentración celebrouse unha asemblea do profesorado na que acordaron levar a claustro un escrito de apoio a estas reclamacións. A CIG-Ensino que xa leva reclamando a praza de Francés desde antes da adxudicación de Destinos provisionais para este curso ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos insta á Dirección Territorial da Coruña a solucionar canto antes esta problemática e a dotar ao centro do persoal que lle corresponde legalmente por catálogo, así como a reforzar o persoal para atender a todas as necesidades existentes no centro.