A CIG-Ensino reclama a cobertura e transparencia total das baixas nos centros educativos
A CIG-Ensino vén de denunciar que, día tras día, a consellaría de Educación “borra baixas subidas polos centros educativos”. En concreto, tal e como constata e xa denunciou na mesa sectorial do 14 de novembro do 2023 a CIG-Ensino, no seguimento que fai diariamente desta problemática, como polas numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto, elimina todas as baixas que non superen os 15 días no momento de ser cubertas.
O sindicato lembra á consellaría que se un equipo directivo sobe unha vacante é porque a precisa, polo que “está vulnerando o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan”, denuncia a CIG-Ensino.
Todo isto agrávase xa que só se chama dous días á semana para a cobertura das baixas, co cal unha vacante de 15 días subida un martes pola tarde, no mellor dos casos, non sería cuberta até o venres e a persoa substituta non se incorporaría até o luns, polo que o modo de proceder da administración cando chega o venres é borrala “para non facer un nomeamento por uns poucos días e aforrar custos en persoal, que é o fin último deste modo de actuación”.
Cómpre lembrar que as baixas danse, agás situacións extraordinarias, por 15 días, co cal a Consellaría pode borrar as prazas ao seu antollo.
A CIG-Ensino exixe que se cubran todas as vacantes desde o día que comeza a baixa e que inmediatamente cese o borrado das prazas non cubertas, que non é máis que unha forma de tapar os trapos sucios da Consellaría de Educación.