A CIG-Ensino presenta unha candidatura con 1.090 docentes e un programa para recuperar e en avanzar en dereitos

Nas eleccións sindicais que terán lugar o 3 de decembro están chamadas a votar 34.859 docentes
Nacional - 04 Nov 2026

Coa presentación este mércores do programa electoral e das candidaturas, a CIG-Ensino dá por iniciada a precampaña das eleccións sindicais do vindeiro 3 de decembro ás que, en palabras da súa secretaria nacional, Laura Arroxo, “chega cun balance de catro anos de traballo intenso con moitas mobilizacións, incluídas oito xornadas de folga, múltiples campañas, numerosas emendas e achegas nos órganos de negociación tanto coa Xunta como co goberno do Estado e, sobre todo, moito contacto directo co persoal docente mediante constantes visitas e asembleas nos centros de ensino e a atención nos nosos locais, a nosa marca diferencial e a nosa forma de entender o sindicalismo”. 

Na rolda de prensa Laura Arroxo, profesora de Matemáticas con destino no IES Gregorio Fernández de Sarria, que encabeza a lista pola provincia de Lugo, estivo acompañada polas outras tres cabezas de lista provinciais: Xela Armas, docente de Lingua e Literatura Galega con praza no IES Salvador Madariaga da Coruña, Maruxa Martínez, da especialidade de Bioloxía e Xeoloxía con destino no IES de Chapela, en Redondela, e Inma Campos, docente de Lingua e Literatura Galega no IES O Couto de Ourense.

“En total son 1.090 persoas (305 pola Coruña, 248 por Lugo, 235 por Ourense e 302 por Pontevedra) as que forman parte dunha candidatura na que están representadas todas as ensinanzas, desde infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional, escolas de idiomas, ensinanzas para persoas adultas, conservatorios e escolas de artes”.

Tamén están representados “todo tipo de centros desde unitarias con menos de 20 nenos e nenas até centros integrados de FP con máis de 2.000 estudantes; e todo tipo de colectivos, con profesorado de todos os corpos, funcionariado de carreira, en prácticas ou interino e substituto, especialistas en atención á diversidade, equipos directivos, asesorías técnicas da Consellaría ou persoal de Orientación”, explicou á vez que aludiu ao lema da campaña: “Agora é a hora” que ten múltiples significados.

“Queremos evidenciar que agora é a hora de todas as ensinanzas, de todos os colectivos, intentando aglutinar todas as reivindicacións do persoal docente fronte á estratexia da Consellaría de dividir ou discriminar o profesorado coas medidas que adoptou nos Acordos de 2023 e 2026, rexeitadas pola maioría deste e confrontadas coas mobilizacións promovidas pola CIG, entre as que destacan dúas xornadas de folga tras o primeiro acordo e até seis días o curso pasado”.

“Á vez -engadiu Arroxo-, tamén consideramos que agora é a hora de recuperar de verdade todos os dereitos perdidos nos últimos anos en canto a horario, salario, xubilación, cobro do verán para o persoal substituto, fondo de acción social, licenzas por formación retribuídas". Lamentou que no curso pasado se perdeu unha boa oportunidade para facelo, "e avanzar noutros novos como a redución de ratios, a eliminación da burocracia inútil, a dotación de máis medios e recursos para atender a diversidade nas aulas, a redución do horario lectivo para o persoal maior de 55 anos, garantías de mobilidade e de estabilidade dos claustros, medidas de conciliación real da vida laboral e familiar e que favorezan a saúde laboral ou mellores condicións de traballo para o persoal substituto e interino”. 

Composición das candidaturas

En relación á composición das candidaturas, Maruxa Martínez, número un por Pontevedra e responsábel de Mulleres e Igualdade do sindicato destacou que “un 64% son mulleres chegando esta porcentaxe ao 73% en Lugo, ademais das catro cabezas de lista e de que nos 10 primeiros postos de cada lista máis da metade son mulleres, en consonancia cun sector fortemente feminizado e que demanda maiores políticas de igualdade como se ve nas máis de cen achegas que vén de presentar a CIG-Ensino ao I Plan de Igualdade da Consellaría”.

Tamén se referiu Martínez á representación territorial nestas candidaturas. “Hai persoas pertencentes a 656 centros educativos (308 centros de infantil e primaria, 247 de secundaria e FP, 52 CPI, 26 de réxime especial, 10 EPAPU, 9 de educación especial e orientación e 4 doutro tipo) cunha implantación en 213 dos 313 concellos galegos, o que supón unha representación moi ampla das salas de profesorado de todo o país, e dúas de cada tres traballan fóra das sete cidades, polo que non se trata só dunha candidatura urbana, senón tamén das vilas e do rural, tal e como se configura a dispersión do ensino público no territorio galego”, explicou. 

Liñas básicas do programa

En canto ao programa electoral, a cabeza de lista pola Coruña, Xela Armas, indicou que o máis relevante é que “a CIG-Ensino sempre vai ser fiel a este programa, que defenderá con vehemencia en todos os foros, en todos os órganos de negociación, en Galiza, no Estado, nos centros de traballo e nas rúas, actuando sempre con transparencia en todas as mesas de negociación e contrastando a opinión do profesorado tanto presencialmente nas asembleas en todos os centros galegos como recibindo achegas nos locais ou de forma virtual.

 A CIG-Ensino tamén se marca como obxectivo loitar contra as políticas de recortes e de privatización “cada vez máis voraces” por parte da Consellaría, “contra os intentos de censura e de control da liberdade docente a través da suposta neutralidade ideolóxica” e contra “o exterminio da lingua galega, particularmente no ensino público con plans e pactos que en lugar de Derrogar o Decreto do Plurilingüismo propoñen medidas para o curso 28/29 nas que deixan nas mans dos centros escoller en que materias vai seguir proscrito o noso idioma”, apuntou. 

Por último, Inma Campos, a número un pola provincia de Ourense apuntou á necesidade de que a CIG-Ensino siga sendo o sindicato maioritario “para poder continuar co noso traballo e coa nosa liña sindical combativa, reivindicativa, rigorosa e coherente fronte á propaganda constante na que a Consellaría vende unha realidade totalmente diferente á que se vive nas aulas e moi afastada das reclamacións que mantén o persoal docente xunto con alumnado e familias, con quen queremos ir da man en todas as loitas”.

“O noso modelo sindical, continuou, non é ser sucursais de gobernos nin de partidos, senón defender un ensino galego e en galego, público, gratuíto e de calidade, laico, democrático, feminista, coeducativo e inclusivo e que eduque dende unha perspectiva crítica e construtiva, para a paz, a conservación do medio ambiente, a igualdade, a solidariedade e a xustiza social”, destacou. 

Revalidar a maioría absoluta para seguir elevando a voz do profesorado galego 

Nas eleccións do 3 de decembro escóllense 150 delegados e delegadas (49 pola provincia da Coruña, 29 por Lugo, 27 por Ourense e 45 por Pontevedra), unha cifra moi inferior á que lle correspondería no sector privado tendo en conta que o censo electoral é de 34.859 docentes.

A isto se referiu Laura Arroxo citando como exemplo que “mentres que nun centro de traballo de 51 persoas se escollen 5 representantes, no sector público hai unha infrarrepresentación moi relevante porque se entende a provincia como o noso centro de traballo que, engadida á ausencia do dereito á negociación colectiva, dificulta moito a nosa acción sindical”. 

Hai catro anos a CIG-Ensino obtivo 67 delegados e delegadas en total en Galiza, a maioría absoluta na Mesa Sectorial con 8 de 15 representantes e a presidencia de todas as Xuntas de persoal provinciais coa seguinte representación:

Arroxo concluíu a súa intervención cunha mensaxe optimista malia todas as dificultades que supón realizar unha acción sindical en contextos tan adversos. “O noso obxectivo é revalidar o apoio maioritario do profesorado galego para seguir levando e elevando a súa voz a todos os foros, porque somos o único sindicato que concorremos a estas eleccións co centro de decisión en Galiza e só nos debemos a este. Porque todo o persoal e a candidatura da CIG-Ensino somos docentes comprometidas co ensino público e, pase o que pase nas eleccións sindicais, ao día seguinte seguiremos estando onde sempre estivemos, na defensa do profesorado e do ensino público galego e ese é o noso principal aval”.