A CIG-Ensino presenta unha batería de medidas para mellorar a atención á diversidade

Responde así ao Informe encargado polo Consello Escolar que se debaterá no Pleno do CEG
Nacional - 16 Dec 2019

O Consello Escolar de Galiza encargoulle a un equipo de persoal docente e investigador vinculado ao Instituto de Ciencias da Educación da USC un informe sobre a situación da atención á diversidade no Ensino Básico (Primaria e ESO) en Galiza. O estudo, segundo se afirma na propia introdución, pretende presentar “unha radiografía da situación actual desde distintos sectores da comunidade educativa, a fin de establecer os elementos que poden estar influíndo no desenvolvemento da mesma [a atención á diversidade] e ofrecer suxestións tendentes a mellorar a atención á diversidade do alumnado do ensino obrigatorio da Comunidade Autónoma de Galicia”.

O informe, que será sometido a debate no Consello Escolar de Galiza (CEG) do martes 17 de decembro, centra boa parte das conclusións na escaseza de recursos humanos que salientan todos e todas as especialistas consultadas (orientación, especialistas de PT e AL, direccións, profesorado titor, familias…).

Así o 60% de todas as persoas entrevistadas destacan que os recursos humanos para a atención á diversidade son moi escasos e insuficientes. Esa escaseza de profesorado tamén implica falta de tempo para a colaboración entre profesorado e equipos directivos, segundo se indica no informe.

Como puntos chave do informe do ICE a debate bo CEG cabe salientar a necesidade de incrementar profesorado nos centros, dispoñer de máis tempo e flexibilidade horaria e estabilidade nos cadros de persoal fixo nos centros.

O aumento da coordinación pedagóxica ou a redución das ratios cítanse como factores determinantes para a prevención das necesidades do alumnado. A sobrecarga horaria do profesorado e a falta de tempo para a coordinación cítanse principais obstáculos para desenvolver en mellores condicións as tarefas de apoio educativo, resaltando o necesario aumento de docentes de PT e AL para cubrir os excesos de carga de traballo do profesorado.

As propostas de mellora da CIG-Ensino

 

As propostas da CIG-Ensino, sindicato maioritario, céntranse nun detallado estudo do propio informe e do contraste co profesorado especialista dos diferentes colectivos profesionais e serán votadas na sesión plenaria. 

PLAN DE ACTUACIÓN PREFERENTE CONTRA O FRACASO ESCOLAR

 

Un Plan de Actuación Preferente destinado a combater o fracaso escolar e o abandono na escolarización temperá, garantindo unha adecuada atención á diversidade, apoio e reforzo educativo, atención personalizada e unha escolarización adecuada para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, reforzando a titoría e a orientación e apostando por un modelo educativo máis social e igualitario.

Un reforzo da acción titorial cunha ampliación dos cadros de persoal dos centros educativos para permitir unha mellor atención á diversidade por parte de todo o persoal docente, máis alá por tanto da necesaria dotación de profesorado especialista e orientador.

REDE EDUCATIVA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

 

A elaboración dunha Rede Educativa da Atención á Diversidade que actualice e fixe, con vontade de continuidade, unha rede que a día de hoxe está desfasada e obsoleta e que parta dos seguinte criterios:

  • Estender os departamentos de orientación a todos os centros completos de Educación Infantil e Primaria.
  • Ampliar a dotación de orientadores e orientadoras nos centos docentes que imparten ESO, Bacharelato e FP con criterios obxectivos e negociados coas organizacións sindicais.
  • Reducir ao mínimo a adscrición de centros, limitando as itinerancias tanto de responsábeis de Orientación como de PT e AL.
  • Ampliar os Equipos de Orientación Específicos. Co obxectivo de camiñar cara unha distribución comarcal e unha ampliación máis ambiciosa dos EOE, crearanse inicialmente un novo EOE na provincia de Pontevedra (con sede en Vigo) e dous na provincia da Coruña (un con sede en Santiago e outro en Ferrol).

 

PROFESORADO DE PT E AL

 

A atención ao alumnado con necesidades require estabilidade no proceso de ensino-aprendizaxe. Neste sentido,  Consello Escolar de Galiza recomenda que se faga unha revisión pormenorizada dos postos actualmente ocupados por profesorado de PT e AL nos centros de Infantil e Primaria, e se amplíen os cadros de persoal destes centros (EEI, CEP, CEIP, CEE) tendo en conta os seguintes criterios:

  • Transformación de todos os postos itinerantes de PT e AL en postos fixos nos centros base.
  • Incremento de postos destas especialidades, tanto se se trata dunha segunda ou terceira praza como se é unha primeira en centros nos que non están catalogadas, toda vez que o actual acordo sindical que deu lugar á conformación dos cadros de persoal así o permite. Este incremento virá precedido dun estudo sobre as necesidades de cada centro e negociado coas organizacións sindicais.

 

PERSOAL AUXILIAR NON DOCENTE

 

A negociación coas organizacións sindicais da mellora das actuais RPT de persoal coidador, aumentado o seu número e garantindo unha cobertura áxil e inmediata das necesidades puntuais por permisos, baixas, etc..

A incorporación doutras figuras profesionais de persoal non docente aos centros educativos e para as que a día de hoxe mesmo se está subvencionado aos centros concertados: fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, traballador/a social, educador/a social,…

 

REDUCIÓN DE RATIOS

 

A introdución de cambios nas ratios existentes a día de hoxe. É preciso camiñar cara unha ratios que permitan unha mellor atención ao alumnado en xeral e ao que precisa unha atención específica en particular. Así, debe lexislarlle para unha progresiva redución das ratios a 15 alumnos e alumnas en Infantil, 20 en Primaria e 25 na ESO.

Dentro das modificacións normativas sobre as ratios debe terse en conta unha redución no caso  de escolarización nunha aula de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo así como de alumnado repetidor.

Por último, debe terse en conta outra ratio fundamental, a ratio docente/alumnado, regulando para as especialidades de PT, AL e Orientación unhas ratios xerais de poboación escolarizada nun centro para dotación de máis profesionais nese centro así como o número de alumnado con necesidades de apoio atendido, sempre garantindo un mínimo de presenza de profesorado especialista.

 

FORMACIÓN NA ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

 

A elaboración dun programa de colaboración coas diferentes facultades galegas nas que se imparten os Graos de Infantil e Primaria e os Mestrados de Secundaria para mellorar substancialmente a formación académica dos e das futuros docentes. O resultado debe levar a un mellor coñecemento da realidade que se encontrarán nas aulas e dos recursos que poderán empregar para atender esa diversidade. O Practicum destas titulacións debe ter unha parte especificamente dedicada á diversidade. No desenvolvemento destas accións formativas debe ter un papel central o profesorado de ensino non universitario con experiencia na atención á diversidade.

O desenvolvemento dun Plan Específico de Formación na atención á diversidade con diferentes focos de atención. Por un lado, un centrado no profesorado especialista de PT e AL, fomentando a compartición de experiencias e propostas. Outro centrado no profesorado non especialista que forneza de recursos para a atención á diversidade nunhas aulas cada vez máis heteroxéneas.

A formación debe ser unha obriga para a administración, que debe afrontar a actualización de coñecementos e destrezas do persoal docente como unha necesidade para mellorar o ensino público en xeral e a atención á diversidade en particular. Esa obriga debe estenderse ao profesorado, mais para iso a Consellaría debe promover cambios na normativa que regula a formación, procedendo a regular a participación en cursos, xornadas e outros modelos formativos dentro do horario lectivo, mediante a autorización dun mínimo de horas anuais de formación para todo o profesorado e fomentando as licenzas retribuídas de formación de curso completo ou medio curso con carácter preferente para novas modalidades actualmente relegadas nos plans da Consellaría, como é o caso da formación e ampliación de estudos referidos á atención á diversidade.