CIG-Ensino: "os centros educativos están notando os recortes de profesorado e de medios neste inicio de curso"
O Consello Federal da CIG-Ensino reuniuse esta mañá en Compostela para pór enriba da mesa todos os problemas que lles están a trasladar desde os centros educativos neste inicio de curso e que desembocan, moitos deles, na dificultade para fixar os horarios lectivos e para organizar minimamente os cadros de persoal. En palabras do secretario nacional, Suso Bermello, “a improvisación da Consellería, ademais de teimar na política de recortes de dereitos do profesorado, deriva nun inicio caótico de curso que se ve agravado polo importante número de docentes que teñen que impartir materias afíns das que non son especialistas”. Nesta situación, apuntou, atópanse arredor de 1.270 docentes, o que supón case o 30% do total de prazas adxudicadas na ESO, FP, EOI e nas ensinanzas de réxime especial.
Os centros póñense a funcionar grazas á profesionalidade e ao esforzo do seu persoal, que ten que lidar con dificultades para fixar horarios, aulas masificadas e cun aumento da carga burocrática"
“Como todos os anos, os centros póñense a funcionar grazas á profesionalidade e ao esforzo dos seus cadros de persoal –engade Bermello- que teñen que lidar con dificultades para fixar horarios; con aulas masificadas que impiden unha atención máis personalizada e tarefas de reforzo educativo; cun aumento da carga burocrática en detrimento do labor propiamente docente, con problemas para ver recoñecida a situación de itinerancia cando se traballa en máis de dous centros á vez, nomeadamente nas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas, así como novos retos derivados da xestión do transporte combinado, que está por ver se implica un aumento ou non no tempo de transporte do alumnado e unha modificación dos horarios lectivos”.
Neste sentido, a CIG-Ensino xa lle advertiu á Consellería que a incorporación de viaxeiros particulares nas rutas de transporte escolar non pode afectarlle, baixo ningunha circunstancia, aos seus principais usuarios/as, os nenos e nenas que teñen que seguir chegando no seu horario habitual aos centros e sen que se vexan modificados nin o percorrido nin o tempo de viaxe dos autobuses.
Falta de apoio ás escolas de Arte de Galiza
Polo demais, no Consello Federal tamén se informou doutras xestións realizadas pola CIG-Ensino a comezos deste curso e relativas á necesidade de que a Consellería aposte decididamente polas Escolas de Arte de Galiza e polas ensinanzas que nelas se imparten, que están sendo discriminadas fronte aos estudos universitarios ou de formación profesional aos que, na práctica, son equivalentes.
As escolas de Arte de Galiza están sendo discriminadas fronte aos estudos universitarios ou de formación profesional"
Outro dos problemas que se detectou este mes foron as instrucións contraditorias que se estaban a dar desde a inspección educativa con respecto ao caso de funcionarias que lles coincide a fase de prácticas, tras tres aprobado o concurso oposición, co embarazo ou o permiso por parto. A este respecto, o sindicato esixiulle á Consellería claridade nas comunicacións e unha flexibilización que permita que este colectivo poida rematar esta fase e obter, se é posíbel, destino definitivo o vindeiro curso académico, ao igual que o resto de funcionariado en prácticas.
Así mesmo, deuse parte do escrito presentado en San Caetano para obter a relación actualizada de Centros de Especial Dificultade e a súa publicación nunha nova orde que os regule para que profesorado que traballa neste tipo de centros non se vexa discriminado no próximo Concurso Xeral de Traslados e que poida obter os dous puntos que lle corresponden por servizos prestados.
Desde o Consello Federal tamén se aproveitou para pór en valor o traballo sindical que se está a realizar tanto de axuda e asesoramento á afiliación como de continua defensa dos intereses do profesorado fronte a unha administración que segue desoíndo as reclamacións de restitución de dereitos perdidos nos últimos anos.