A CIG-Ensino pide a retirada da convocatoria de prazas accidentais na inspección educativa
A CIG-Ensino vén de pedir a retirada da proposta de convocatoria de prazas accidentais na inspección educativa. O sindicato propón o nomeamento para este curso do profesorado que se presentou ás oposicións e non acadou praza, ordenado por número de exames aprobados e notas. Ao tempo, demanda que se negocie, máis adiante, unha orde que fixe os criterios para o futuro.
A proposta da Consellaría para cubrir postos vacantes na Inspección educativa é, para a CIG-Ensino, un “pésimo exemplo da xestión” para a cobertura destas prazas ao apostar por un modelo “innecesario, lento e burocrático” que considera que “convida a pensar que a intención última da administración é evitar que as persoas que superaron algún dos exames das oposicións deste verán poidan acceder á inspección accidental, porque ese profesorado xa está ordenado en función de probas superadas e podería estar desde hai semanas nos destinos e teñen demostrado, en función das probas superadas, uns méritos que agora se exixen de novo”.
Afirma que esta decisión da Consellaría “non ten ningún sentido” se a administración ten intención de algo tan simple como cumprir a lei, isto é “ofertar nas seguintes oposicións todas as prazas vacantes, ben por xubilación ou por quedaren desertas nas últimas oposicións”.
O sindicato é especialmente crítico coa falta de transparencia da Dirección Xeral de Ordenación ao non enviar en tempo e forma a relación de prazas a ofertar. Como representantes da Consellaría na Mesa había tres integrantes da inspección en servizos especiais e, por tanto, con reserva de posto de traballo. “É impresentábel que, sabendo perfectamente cales son, non se nos acheguen”, denuncia.
Cal é a proposta da Consellaría?
Facer un procedemento “selectivo”, palabra esta última que desaparece no texto final malia ser exactamente iso, cun sistema propio dunha oposición e cunha ponderación similar:
- FASE DE OPOSICIÓN (60%): 50% para o exame, con dúas partes: 20 preguntas tipo test de elección múltiple e 40 preguntas de resposta breve e 50% para a presentación e defensa dun proxecto de inspección
- FASE DE CONCURSO (40%): Valoración de méritos similar ao baremo actual de oposicións e ao borrador do futuro RD de acceso á Inspección. Apartados: 3 puntos traxectoria (cunha esaxerada puntuación por ser do corpo de cátedras, ⅔ do total), 3 puntos por superar probas das oposicións, 3 por dirección e outros cargos e 2 por preparación científica e didáctica (incluída formación)
O único cambio anunciado pola Consellaría foi a retirada do artigo 10, no que se recollía a renovación nas comisións de servizos obtidas con informe favorábel da xefatura de inspección. A Consellaría indicou que todo o proceso (carente de axilidade e propio de prazas fixas) só vai ser para este curso, o que deixa aínda máis o descuberto o sen sentido deste proceso.
Cal é alternativa da CIG-Ensino?
- Un sistema rápido e sinxelo, de actualización anual partindo do profesorado que se presenta ás oposicións, creando unha bolsa de traballo de inspección accidental con todas as persoas aspirantes no proceso selectivo que non obtiveron praza, xa que son as que amosaron interese por acceder con carácter permanente á inspección, e que desexen formar parte da bolsa de traballo.
- A listaxe ordenaríase por un baremo no que se tivesen en conta:
- o número de probas superadas na fase de oposición
- o baremo de méritos, para o que a Consellaría tería ou ben que baremar de oficio como demanda a CIG-Ensino para todo o persoal opositor ou ben abrir un prazo unha vez rematadas as oposicións para que todas as persoas que non obtiveron praza e teñan interese presenten os méritos que se corresponden co baremo da fase de concurso (este sería o único que tería que facer a administración xa que toda a información de probas superadas xa o publica o tribunal das oposicións).
- Publicación das prazas ofertadas unha vez rematada a adxudicación do CADP, só con aquelas que non foron adxudicadas a inspectoras e inspectores con destino provisional.
- Publicación no primeiro día hábil do mes de setembro da baremación provisional, cun prazo de 3 días para alegacións, podendo publicarse a definitiva nun prazo moi curto de tempo.
- Adxudicacións provisional e definitiva, procurando que sexa antes de comezar a actividade lectiva para non interferir no comezo das clases polo profesorado que poida deixar o centro para acceder a unha praza accidental na inspección.
- Obriga de ofertar tanto no concurso de traslados como na oferta de emprego público do ano inmediatamente posterior todas as prazas vacantes.
- Actualización da listaxe de profesorado que opta a un posto accidental na inspección con cada oposición.
- Carácter transitorio no actual curso. Tendo en conta o momento do curso no que estamos, neste curso 2024/25, e toda vez que a Consellaría non fixo os seus deberes como debería, a adxudicación debería facerse con carácter transitorio tendo en conta o número de exames aprobados nas últimas oposicións, de entre estes a nota obtida e ordenar igualmente de entre quen non superou ningún exame polas notas dos exames. Deste xeito só sería necesario abrir unha listaxe se, de entre o total de persoas que opositaron, ninguén quere as prazas ofertadas.
Neste sentido, hai que ter en conta os seguintes datos das oposicións de 2024:
- Prazas convocadas: 11
- Persoal admitido: 95
- Persoal presentado: 66
- Persoal aprobado 1ª proba: 22
- Persoal aprobado 2ª proba: 11
- Persoal aprobado 3º proba: 6
- Prazas desertas: 5
A resposta da directora xeral de ordenación foi, desde o punto de vista da CIG-Ensino, insultante para as persoas que participaron na oposición deste ano, ao afirmar que, malia teren aprobado dous exames nalgúns casos e un noutros, “non acreditaran coñecementos para poder ocupar un posto na inspección educativa”.
Con ese argumento, tal e como lle trasladou a representación da CIG-Ensino, está afirmando, por analoxía, que o profesorado interino non podería impartir docencia aínda que aprobase algún dos exames.
En resumo, a Consellaría, que podería ter xa cubertas as prazas na Inspección desde comezos de setembro, opta por un sistema de dubidosa legalidade e do que non saben canto tempo tardarán en desenvolver.
Desde a perspectiva técnica, a propia convocatoria contén erros, cuestións francamente mellorábeis e, desde a perspectiva legal, ten moitas lagoas. Diante da rotunda negativa da Consellaría a retirar a orde e negociar unha nova, a CIG-Ensino, por coherencia, non presentou alegacións nunha convocatoria que entendemos viciada desde o comezo.