A CIG-Ensino non ve factíbel a volta ás aulas e insta a traballar na adaptación e necesidades do ano que vén
“Sen protocolos de prevención e protección non pode haber reincorporación”. Así de tallante se amosou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na súa intervención na reunión “informativa” coa conselleira mantida esta tarde, á que lle lembrou que o seu departamento acaba de ser denunciado ante a Inspección de Traballo por non cumprir a normativa de prevención de ricos laborais antes de decidir a apertura dos centros este pasado luns.
Unha coincidencia e unha diferenza abismal. Así se podería resumir a “comparecencia informativa” da conselleira cos sindicatos e as ANPA. A coincidencia foi o mesmo formato de reunión, que non dá pé a ningún debate senón simplemente a que cada organización exprese en cinco minutos o seu posicionamento. O cambio radical foi a participación da conselleira e do seu equipo.
Sen protocolos de prevención e protección non pode haber reincorporación
Fronte a unha “enxurrada” de datos da primeira reunión, nesta segunda non se dixo absolutamente nada ao respecto do tema que motivou a convocatoria: a posición da Consellaría a respecto do final deste curso e o comezo do seguinte. “Nada, absolutamente nada; na lea política e partidaria á que nos teñen acostumados Goberno galego e central, descansaron toda a responsabilidade no Ministerio, tanto en tema de prevención de riscos e ausencia dun protocolo que por lei, non o esquezamos, só lle corresponde á Consellaría, como no que facer a partir de agora”.
Negando un posíbel debate sobre a posición da Consellaría na reunión de mañá, a conselleira limitouse a afirmar que incidirá en que teñen que existir unhas normas claras, sen aclarar como ten previsto exercer as competencias que ten.
Por tanto, na central entenden que entre as diferentes opcións que ten o Goberno galego (“cruzarse de brazos e agardar ao Ministerio sen facer nada e descansando na crítica pola súa incompetencia ou asumir a responsabilidade que ten e negociar a desescalada no final de curso e iniciar os traballos para o curso que vén”), de momento asume a "comodidade" na que está instalado.
A CIG-Ensino fixo unha relación dos feitos máis recentes na xestión da crise sanitaria pola Covid-19, centrada na improvisación e nos incumprimentos normativos por parte do departamento que dirixe Carmen Pomar.
Neste sentido, incidiu na vulneración da Lei de Prevención de Riscos Laborais que obrigou o sindicato a presentar denuncia ante a Inspección de Traballo polas “recomendacións sanitarias” ditadas por Educación antes da apertura dos centros este luns para a xestión do proceso de admisión do alumnado. Lembroulle ademais que o seu departamento tratara peor o persoal docente do que a Xunta ao resto de traballadoras ao contar estas cun protocolo de reincorporación que inclúe unha avaliación previa de riscos durante unha semana e que foi cando menos consultado previamente coas organizacións sindicais.
A desescalada educativa, inviábel e temeraria
Tal e como se foron fraguando os últimos acontecementos e a actuación “pouco seria e responsábel” da Consellaría, a desescalada educativa a finais deste curso “fai saltar todas as alarmas desde o punto de vista dos riscos para a saúde pública que tería a volta de determinados grupos de alumnado ás aulas”, explicou Bermello.
A CIG-Ensino xa fixo pública a súa oposición á volta ao ensino presencial este curso se non era con todas as garantías sanitarias, algo que actualmente ve “inviábel”. Entre as razóns achegadas para este posicionamento Bermello apuntou a contradición, unha vez máis dada, de readaptar programacións didácticas e o esforzo docente á teledocencia cunha incorporación agora que se reduciría como moito a 20 días lectivos ou a tan só 10.
“Sería correr un risco innecesario por tan pouco tempo de ensino presencial e nin sequera para todo o grupo, senón só para uns poucos”. Apuntou como especialmente dificultosa esta reincorporación nas etapas de infantil e educación especial, que precisan de contacto constante tanto co persoal docente e especialista como con outras iguais. Insistiu en que o papel da escola non pode ser asistencial e que se terán que habilitar medidas de conciliación da vida familiar e laboral e permisos retribuídos que lle permitan ás familias atender o coidado das crianzas. “A materia pendente desta sociedade non a pode solucionar a escola, que ten unha función educativa en todas as etapas”, dixo neste sentido.
Así pois, a CIG-Ensino só entende que puntualmente, mediante quendas ou titorías individualizadas, se poidan artellar fórmulas de ensino presencial para alumnado de 2º de Bacharelato ou 2º de ciclos formativos sempre que se vexa necesaria esta presenza para complementar a preparación das probas ABAU ou realizar algunha actividade práctica ou proba final de avaliación, respectivamente. Iso si, desde a CIG-Ensino insistiuse en que habería que aplicar estritas medidas de seguridade e reducir esa presenza ao menor tempo posíbel.
Neste sentido, Bermello tamén lembrou que a tarefa do persoal orientador e dos equipos específicos -unha vez feita a admisión- que precise ser presencial para avaliar o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, fará necesario adoptar todas as medidas de protección necesarias, e amosou a súa preocupación porque non se estea negociando xa como se van desenvolver as probas ABAU, cuxa celebración hai que planificar con moita antelación e detalle, para evitar calquera tipo de risco sanitario durante as mesmas.
“Profesorado e familias están moi preocupadas por esta cuestión porque semella que a Consellaría non está tendo en conta nas instrucións emitidas as medidas de distancia de seguridade que será necesario gardar, a necesidade de habilitar novos espazos para a súa celebración, de incrementar o profesorado vixiante das probas, de atender ao persoal de risco, os protocolos de custodia dos exames... Todo iso debía estar xa a estas alturas practicamente definido para dar seguridade á comunidade educativa”.
Nas Escolas Oficiais de Idiomas hai alarma pola intención da Consellaría de celebrar as probas de certificación do alumnado en xuño ou xullo
Tamén existe certa alarma entre as Escolas Oficiais de Idiomas pola posible intención da Consellaría de celebrar as probas de certificación do alumnado oficial a finais de xuño ou comezos de xullo, segundo puido saber a central sindical. Hai que lembrar que estas probas son multitudinarias e que se celebran de forma simultánea durante semanas nas propias aulas destas instalacións, congregándose un número moi importante de aspirantes non só no interior senón nos corredores e no exterior das mesmas.
“Sabemos que hai probas como as de comprensión oral e expresión oral especialmente complexas á hora de manter medidas de distanciamento social, á marxe de que o profesorado normalmente ten que levar as probas para a súa corrección na casa e iso pode incrementar os riscos”. Neste senso, o voceiro da CIG-Ensino subliñou: “entendemos que, ao contrario da ABAU, non hai unha necesidade imperiosa de levar a cabo estas probas de forma inmediata e que cando se realicen debe ser con todas as garantías sanitarias posíbeis”.
Estas mesmas consideracións deben primar igualmente para a realización de probas de alumnado de ensinanzas artísticas e de deseño.
Terceiro trimestre, de novo contradicións
A CIG-Ensino tamén aproveitou a reunión para trasladar as dúbidas e queixas do profesorado acerca das instrucións remitidas e dos documentos de preguntas frecuentes que publicou a Consellaría para o desenvolvemento deste terceiro trimestre. De novo atópanse criterios contraditorios nesas instrucións que o que si que fan claramente é aumentar a burocracia e o papeleo inútil, así como o control por parte da inspección que, unha vez máis, detraen un tempo valioso que podería empregar o colectivo docente en preparar as clases a distancia.
A este respecto Bermello indicou que “despois de dous meses de estado de alarma deberían terse implementado canles directas de interlocución entre profesorado, direccións, inspección e administración educativa. É absolutamente informal e pouco serio que se elaboraran unhas preguntas frecuentes sen antes preguntarlle ao profesorado cales eran as súas inquedanzas e que se publicaran en documentos sen asinar e sen nin sequera membrete oficial”. Por último recordou que nesas instrucións contraditorias seguen existindo moitas dúbidas acerca da posibilidade ou non de impartir contidos novos, sobre todo en bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial que é onde é máis factíbel a súa aplicación.
Non hai escusas para a improvisación
Ante as declaracións semioficiais en entrevistas e distintos foros por parte do Ministerio e da Consellaría, a CIG-Ensino esixe definir claramente o ámbito competencial de cara á ordenación do vindeiro curso académico. O estado de alarma vai rematar e a Xunta ten que exercer as súas competencias plenas en materia educativa. “É obvio que se o vindeiro curso se prolonga a pandemia exista unha posta común entre as CCAA e o Ministerio pero vai ser a Consellaría a que ten que organizar as adaptacións que sexa preciso facer para movernos nun escenario coronavírico. Desde o inicio do Estado de alarma vimos á Xunta moi cómoda cunha actitude de brazos cruzados agardando a que o goberno central lle ditara instrucións e despois empregalas ou criticalas segundo lle conveña electoralmente ao Partido Popular”, apuntou Bermello.
Para o sindicato maioritario no ensino público galego “estase perdendo un tempo moi valioso en aproveitar estes meses para debater, achegar ideas e propostas para deseñar o inicio e quen sabe se o desenvolvemento de todo o próximo curso académico”, indicou Bermello.
A nivel orzamentario, que será o primeiro obstáculo que hai que salvar, cómpre destinar recursos públicos dentro do fondo extraordinario que se poida aprobar por parte do Estado ou da UE para incrementar a contratación de profesorado, adaptar espazos existentes ou habilitar outros novos, diminuír as ratios nas aulas para cumprir as distancias de seguridade, reordenar servizos de comedor ou transporte escolar e afrontar a posibilidade de combinar ensinanza presencial e a distancia, algúns dos retos principais que parece que vai ser necesario acometer mentres non apareza unha vacina ou un tratamento eficaz fronte ao virus.
“E a partir desa definición, o que teñen que facer é gobernar, tomar decisións, que para iso son a administración, sen descargar a responsabilidade nos equipos directivos nin nos claustros. E poden facelo, iso si, desde o ensimesmamento e o búnker ao que nos teñen acostumadas ou mediante a negociación e a colaboración coas organizacións representativas do sector. Se optan por isto último poden comezar por revitalizar a Mesa Sectorial para negociar todo o que ten que ver coas cuestións laborais do persoal docente”, engadiu Bermello.