A CIG-Ensino non asumirá un acordo “fraudulento e ruinoso” para o profesorado
A CIG-Ensino afirma que non asumirá un acordo que considera “fraudulento e ruinoso” para o profesorado galego e denuncia que hoxe, na mesa sectorial, a consellaría de Educación desvelou que o incremento retributivo absorbería fondos xa incluídos e orzamentados no acordo estatal.
Afirma que “logo dun enésimo movemento á baixa de CC.OO., convertido no auténtico bastón da Consellaría”, hoxe viviuse na mesa sectorial “un novo episodio da farsa na que se ten convertido esta pseudonegociación”. Explica que a administración educativa fixo unha nova oferta “ridícula” na liña das presentadas nas anteriores reunións. “Subiu 5 euros con respecto á última Mesa Sectorial, que se pagarían no último prazo. A distribución quedaría en 10 euros en outubro deste ano, 15 en xaneiro de 2019, 25 en xaneiro de 2020 e 30 en xaneiro de 2021”.
Ademais informa de que a administración desvelou un punto oculto deste acordo que consiste en aproveitar para parte do pagamento un fondo derivado do asinado previamente en Madrid. Nese pacto, rubricado por Montoro con CCCO, UGT e CSIF, incluíase o “permiso” do goberno central ás diferentes administracións autonómicas para dispoñer de até un 0,3% da masa salarial para todo o seu persoal. Isto significará que o profesorado quedará excluído de calquera incremento retributivo que se aprobe para o conxunto do persoal da Xunta de Galiza.
Diante disto conclúe que “unha administración e unhas organizacións sindicais que porfiaron en ir en contra da proposta da CIG-Ensino de negociar melloras laborais e a recuperación do roubado alegando que isto dependía doutro ámbito de negociación, agora traen fondos dese ámbito para pagar parte da posíbel suba salarial do persoal docente”.
A CIG-Ensino lembra que en anteriores acordos, como o de 2006, coincidiran varias negociacións simultáneas con distintas administracións sen que isto fora un obstáculo para poder acceder a todos e cada un dos pactos de melloras retributivas. De feito, no seu texto, asinado pola CIG-Ensino e por todas as organización sindicais recóllese literalmente: “o presente preacordo non absorberá a percepción doutros complementos ou o incremento dos xa existentes, se se producise o seu financiamento por outras administraciónsou por outras institucións”.Polo tanto, esta é a primeira vez que se limita calquera posibilidade de acumular diferentes acordos.
Hipotécase o futuro salarial do profesorado
Máis alá de que a Consellaría impedira desde o comezo a negociación da mellora das condicións laborais e da recuperación do roubado a CIG-Ensino advirte de que, desde unha perspectiva exclusivamente económica, a proposta da administración “hipoteca o futuro salarial do profesorado galego porque blinda os criterios de negociación até 2021”. Ademais, cos movementos que se van producir nos próximos meses no resto do territorio do Estado, en Galiza quedaría limitada calquera mellora retributiva en base aoacordo que propón a administración.
A pretensión das demais organizacións sindicais de reducir calquera análise da situación económica do profesorado galego a unha comisión de seguemento conformada exclusivamente por quen asine este pacto “é unha clara intención de desvirtuar o papel da negociación e da representación que o profesorado outorga a cada sindicato. Deste xeito, deixaríase fóra de xogo a Mesa Sectorial da revisión de como evolucionan os nosos salarios.