A CIG-Ensino lanza unha campaña de recollida de sinaturas pola igualdade retributiva do profesorado de FP

Para dar resposta aos colectivos descolgados do proceso de integración no corpo de PES
Nacional - 21 Nov 2022

Baixo o lema “Pola igualdade retributiva de todo o profesorado de FP” a CIG-Ensino bota andar unha campaña de apoio a unha demanda para evitar que ningunha profesora ou profesor de Formación Profesional quede relegado dunha longamente reclamada equiparación salarial e do recoñecemento profesional no ámbito da FP.

A campaña busca, en primeiro lugar, ter presentes a todos os colectivos aos que a Consellaría de Educación relega coas súas declaracións na Mesa Sectorial, aportando propostas de solución legalmente factíbeis e que só dependen da vontade política de Rodríguez e Rueda. Ao tempo, a recollida de sinaturas é unha chamada a actuar con unidade dentro do profesorado de FP e a apoiar masivamente que todas e todos teñan as mesmas retribucións e os mesmos dereitos, unha vez que se aplique a integración no corpo de PES aberta coa convocatoria publicada no DOG para aquelas compañeiros e compañeiras que reúnen os requisitos de titulación fixados polo Ministerio.

Así, como se explica no vídeo divulgado pola CIG-Ensino, o sindicato centra as súas demandas nos seguintes colectivos:

Profesorado que queda para extinguir no corpo de PTFP: negociación do pagamento dun COMPLEMENTO DE EQUIPARACIÓN garantindo a plena igualdade retributiva con quen se integre no corpo de PES.

Profesorado interino: compromiso de pago con carácter retroactivo desde xaneiro de 2021 para quen traballase como docente interino na data de entrada en vigor da LOMLOE e na que se fixan os efectos para o funcionariado de carreira.

Funcionariado que aprobou as oposicións de 2021: modificar o artigo 16.3 da orde de integración e recoñecer os efectos desde o comezo da fase de prácticas, evitando a xudicialización deste conflito.

Garantías dos dereitos de profesorado especialista e de quen non ten titulación para presentarse ás oposicións: a Consellaría debe garantir a continuidade nas mesmas condicións que ten hoxe do profesorado especialista de FP así como daquel que ocupa postos de traballo que non poden ser ofertadas a oposicións por non ser parte das especialidade recoñecidas a nivel estatal. Igualmente, hai que garantir a continuidade nas listas de interinidades de quen carece de titulación e veu desempeñando, nesas mesmas condicións, o seu labor como docente nestes últimos anos.

A CIG-Ensino apela a todo o profesorado que xa formaba parte do corpo de PES en especialidades da FP, así como daquel que ve agora cumprida a demanda de equiparación coa integración no subgrupo A1, a que dean soporte a esta campaña co seu apoio ao resto de profesorado, co obxectivo de que a partir da resolución da integración agora en marcha non existan diferenzas salariais entre docentes que realizan as mesmas funcións.

ACCEDE AO FORMULARIO DE RECOLLIDA DE SINATURAS ONLINE