A CIG-Ensino insta de novo a Educación a tomar medidas para garantir a protección de datos na teleformación
Dende a CIG-Ensino denuncian que despois de que se lle expuxeran ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as problemáticas que se están a producir coas plataformas de videoconferencias ou de almacenamento de datos na pasada Mesa Sectorial, a Consellaría non realizou ningunha xestión para intentar solventar estas cuestións que lle seguen preocupando o profesorado.
Na CIG-Ensino consideran que a situación actual de docencia online está a crear novos escenarios que convén aclarar respecto do cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD), cuestións que xa lle foron comunicadas á Consellaría de Educación na última Mesa Sectorial e que, depois de 15 días, seguen sen solución.
Con respecto á plataforma para a comunicación virtual que proporcionou a Consellaría, Cisco-Webex, téñense detectado disfuncións que cando menos cuestionan a protección de datos.
"Calquera docente que entre na aplicación pode buscar polo nome todas as contas de correo de calquera docente. O normal é que os permisos estivesen limitados ao ámbito da “reunión” (o centro educativo). En todo caso, de non ser así, debería existir unha comunicación ou consentimento previo de todo o profesorado".
En relación con isto, teñen constancia de que o curso que se está a ofertar por parte da administración educativa 'Actualización de ferramentas tecnolóxicas para docentes,' para formar no uso do ensino telemático ao profesorado, está a ser impartido integramente en castelán. "Este é un exemplo máis do desterro ao que somete a Xunta ao noso idioma de áreas tan importante como as tecnoloxías da información e da comunicación".
Como é lóxico, nestes tempos de confinamento hai que substituír os medios de contacto coas familias por fórmulas non presenciais. Proporcionar o correo electrónico dos docentes ás nais e pais está sendo un deles. Se non é o propio docente quen o fai ten que ser con consentimento expreso deste ou, no caso de que non o desexe, coa comunicación dun medio alternativo que permita este contacto. "Así nolo confirmou a Vicesecretaria Xeral da Consellaría de Educación nunha resposta a unha consulta da CIG-Ensino e así se debe garantir que se proceda no que resta de curso escolar".
Calquera gravación dunha reunión virtual debe ter o mesmo tratamento que unha reunión presencial; é dicir, para gravala debe haber consentimento previo das persoas participantes. As mesmas reticencias afloran despois de ver certas instrucións da Consellaría ao respecto de xustificar o traballo feito durante o confinamento mediante capturas de pantalla das conferencias mantidas co alumnado, como acontece no caso das esixencias ao profesorado contratado para programas de reforzo ou apoio como ARCO. Neste caso, lembran as limitacións legais ao respecto da cesión da imaxe de persoas menores de idade.
Perda de datos
Na CIG-Enisno recibiron mensaxes de docentes preocupadas pola perda de toda a documentación académica que tiñan almacenada nas contas dos servidores da empresa Microsoft One Drive 365, e que lles foran proporcionadas pola propia Administración.
"Alén de que sexa a Administración educativa a que facilite estes servizos mediante acordos con multinacionais informáticas, dos que se descoñece o custo e as características contractuais, a Consellaría debería proporcionarlle unha resposta ás persoas que se viron afectadas por esta cuestión e non desentenderse deste tema".
Por todo o anterior, unido a que o curso se prevé que finalice na súa maioría coa modalidade a distancia e as propias incertezas sobre o papel que aínda poida ter no curso próximo a educación a distancia, consideran preciso que a Consellaría actualice os seus protocolos de cara ao uso e cesión de datos do seu persoal, para evitar que se produzan incumprimentos ou cando menos dúbidas sobre a LOPD e, en calquera caso, que informe ao profesorado das súas obrigas e dereitos no uso de plataformas de comunicación e dos correos corporativos edu.xunta.gal.