A CIG-Ensino gaña as eleccións e consolida a súa maioría no profesorado universitario galego
A CIG-Ensino aumenta a súa representación e reforza a condición de primeira forza sindical entre o profesorado universitario. Os resultados das eleccións sindicais do 9 de maio consolidan o apoio electoral do PDI e premian novamente o compromiso dunha acción sindical centrada nunha visión global do sistema universitario galego, nunha liña inquebrantábel de defensa da universidade pública e dos dereitos laborais do seu profesorado e persoal investigador, ao tempo que atende os problemas e conflitos do día a día en cada universidade.
A posición como primeira forza sindical entre o profesorado, que a CIG-Ensino leva anos mantendo, sae aínda máis consolidada tras os resultados electorais. O sindicato gaña en representación en todas as universidades, cun incremento de un representante tanto na USC como na UDC e co importante medre de seis representantes na UVigo, onde se elixían oito representantes máis que hai catro anos.
En porcentaxe de voto, a CIG-Ensino pasa do 27% ao 31%, quedando CCOO co 25%, UGT co 20% e CSIF co 19%. O medre porcentual trasládase tamén en cifras de representación, ao pasar de 38 a 46 representantes no conxunto dos comités de empresa e xuntas de persoal.
Desde o sindicato agradecemos a confianza do PDI das tres universidades galegas e comprometémonos a manter a defensa da universidade pública galega e dos dereitos do seu persoal no centro da nosa acción sindical.