A CIG-Ensino gaña as elección sindicais do Colexio Junior´s co 56% dos apoios
A CIG-Ensino vén de gañar as elección sindicais celebradas este luns no Colexio Junior´s con 14 votos, obtendo así o 56% do respaldo do seu cadro de persoal. Estes resultados son máis relevantes se cabe, dado que catro traballadoras, entre elas a que ía ser a candidata do sindicato, foron despedidas en febreiro.
Aínda así, malia a conflitividade laboral que existe coa administración do centro e os atrancos para que estas eleccións se celebrasen como estaba previsto inicialmente, a nova candidata da CIG-Ensino foi a elixida como delegada de persoal do centro.
Desde a CIG-Ensino agradecen o apoio, unha vez máis, da maioría dos traballadores e traballadoras e comprometése a seguir abordando desde todas as frontes, a da negociación, a da Inspección de Traballo e a Xurídica, para conseguir que se lle abonen os salarios atrasados a todo o conxunto do persoal. Desde decembro ningún dos 23 traballadores e traballadoras cobrou ningunha nómina nin cantidade algunha.
Así mesmo, xa existen as primeiras sentenzas favorábeis de demandas contra o administrador do colexio que o obrigan a abonar os salarios das persoas que foron despedidas ou marcharon voluntariamente ante a situación de impagamentos.