A CIG-Ensino exixe dotación suficiente de profesorado para a Universidade de Santiago de Compostela
Ante o conflito pola ausencia de profesorado nas facultades de Ciencias da Educación e Filosofía, a CIG-Ensino, ao tempo que exixe o inmediato nomeamento de profesorado, quere manifestar a solidariedade co estudantado e co profesorado das ditas facultades polas precarias condicións nas que se desenvolve o labor docente. Reclamamos a dotación suficiente de profesorado para cubrir as necesidades docentes, para que se faga de xeito que non se perdan clases e para que non se obrigue a alterar a programación docente ou a suprimir a súa oferta.
Así mesmo, a CIG-Ensino quere denunciar que non se poden cubrir necesidades docentes estábeis con prazas precarias e temporais que non son máis que parches e que empeoran a calidade docente e impiden asentar a actividade investigadora. O control burocrático da creación de prazas que realiza a Xunta de Galiza non fai máis que entorpecer, ao someter a cobertura das necesidades docentes a unha autorización que retrasa meses a dita cobertura. O problema acentúase, tamén, no caso dos asociados debido á lentísima tramitación e á problemática das compatiblidades.
Por todo iso, facemos un chamamento ao equipo reitoral a fin de que adopte unha solución inmediata para satisfacer as demandas das facultades de Filosofía e de Ciencias da Educación e as medidas de planificación e contratación de profesorado estábel que evite que esta situación se reitere en vindeiros cursos e tamén á Xunta de Galiza para que proporcione recursos suficientes e elimine as trabas burocráticas á contratación de profesorado.