A CIG-Ensino exixe a Román Rodríguez avances na mellora das condicións docentes
Representantes da Executiva da CIG-Ensino, entre eles o seu secretario nacional, Suso Bermello, mantiveron este martes unha reunión co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para abordar a situación na que se atopa o ensino público e, nomeadamente, o profesorado, para o que exixiron a recuperación dos seus dereitos, apostando por un ensino real e non burocrático.
Recuperación de dereitos e aposta polo ensino real e non burocrático
Foron moitos os temas que levou a representación da executiva da CIG-Ensino á reunión co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e con dous altos cargos do seu departamento e poucas novidades con respecto aos que xa lle puxeran hai agora practicamente un ano nun encontro similar. O secretario nacional do sindicato maioritario no ensino público galego, Suso Bermello, insistiulle ao titular de Educación, Román Rodríguez, que despois de 12 anos de recortes e retrocesos nos dereitos de profesorado e de redución de aulas na rede pública, é necesario un compromiso real co persoal docente e co ensino público.
Para iso -incidiu-, “só hai un camiño: escoitar a voz do profesorado que vén de falar nas urnas cunha participación nas últimas eleccións sindicais de máis do 70%, das máis altas do Estado, e nas que 46 de cada 100 votantes avalaron o programa electoral da CIG-Ensino”.
Nese sentido, a CIG-Ensino trasladou que cómpre reducir ratios. “A medida que é un clamor de toda a comunidade educativa e a mellor maneira de garantir a calidade e a atención individualizada no ensino, que permite facer desdobres, reforzos e apoios ao alumnado con diversidade ou con maiores dificultades”, explicou Suso Bermello.
Horario lectivo
Canda isto, considerou que cómpre recuperar o horario de 18 e 21 horas que se tiña en Galiza coa chegada do PP á Xunta (nestes intres só quedan outras tres CCAA coas 20 horas en Secundaria e as 25 en Primaria e en Infantil) e regular dunha vez por todas a impartición de materias afíns e itinerancias, detendo “a fuxida cara adiante que supoñen as distintas normas educativas e as directrices da Consellaría co fin de converter o ensino nunha actividade burocrática e administrativa máis”.
Neste último punto, a representación da CIG-Ensino foi moi incisiva dado que hai un enorme malestar e fartura entre o profesorado pola ampliación da obrigatoriedade de realizar as programacións didácticas en todas as etapas educativas a través de aplicacións informáticas pechadas, que teñen pouco que ver coa práctica real docente e que limitan tanto a forma de abordar as clases como de avaliar o alumnado. A necesidade de abordar unha redución da burocracia, acompañada da redución de horas lectivas e de reforzo da coordinación, é hoxe un dos principais retos que debe asumir a administración educativa.
A CIG-Ensino reiterou igualmente a súa demanda de que se presente unha orde na que se recoñezan todas as tarefas de coordinación que hoxe desenvolve moito profesorado por puro voluntarismo.
Un sistema educativo de calidade precisa dunha Consellaría con máis peso dentro do goberno galego
Bermello, que estivo acompañado pola secretaria de acción institucional, Laura Arrojo, e o secretario de acción sindical e comunicación, Diego Boquete, recordoulle a Román Rodríguez e aos directores xerais de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que nos últimos anos houbo numerosas concentración e actos de protesta polo peche de unitarias e de unidades sobre todo no rural.
Nese sentido subliñou que “hai que protexer e ter en conta o valor inmenso que supón ter servizos públicos no rural para evitar o seu despoboamento, á vez que atender as demandas dos centros en materia de persoal, non amortizar as xubilacións que se produzan e regular dunha vez por todas que materias afíns pode impartir unha docente, marcando un tope tendo en conta que debe ser un recurso excepcional e demostrarse coñecemento nese ámbito”.
Bermello considerou que estas medidas, xunto coa redución das itinerancias, “son a verdadeira garantía dun ensino de calidade e isto non se consegue sen poñer recursos enriba da mesa”, polo que instou a que o conselleiro evite que Educación siga sendo dos departamentos que menos soben nos orzamentos da Xunta de Galiza e se coloquen os servizos públicos como eixe central do goberno galego. “Que esta perda de peso específico e relevancia dentro das contas da Xunta se produza nunha Consellaría que ten un dos máis elevados gastos en persoal é perfectamente indicativo do escaso valor que o PP lle dá á política educativa en xeral e ao ensino público en particular”, incidiu.
Os procesos de estabilización e o futuro do persoal interino e substituto
Na reunión tamén se trataron os procedementos que actualmente están en marcha para estabilizar as vacantes estruturais que levaban anos ocupadas temporalmente na administración educativa galega. A CIG-Ensino amosou a súa preocupación sobre o que vai acontecer co persoal interino que non obteña praza unha vez resolto este concurso e o concurso-oposición extraordinario que vai ter lugar en xuño deste ano.
A este respecto, o sindicato maioritario no ensino lembrou a necesidade de establecer unha cláusula de estabilidade en toda a regulación das listaxes de substitucións e das condicións de traballo do persoal temporal do ensino público para aquel colectivo que teña unha avanzada idade ou moitos anos de servizos prestados.
No que ten a ver co persoal interino, a CIG-Ensino reiterou a súa oposición frontal aos cambios fixados na normativa estatal tras o pacto sindical de CCOO, UGT e CSIF co goberno central que limita as contratacións de persoal temporal a tres anos e mostrou o seu asombro polos cambios de última hora provocados polo propio goberno galego no texto da Lei do Emprego Público, o que sitúa o profesorado sen praza fixa nunha maior incerteza.
A situación da FP: menos propaganda e máis aposta polo sistema público
Aínda que a Formación Profesional é unha das etapas educativas que máis medrou nos últimos anos, tanto en oferta educativa como en número de efectivos docentes, non é menos certo que nestes intres é unha etapa na que as empresas privadas teñen maior incidencia e a súa explotación como negocio é tamén máis evidente.
Por iso os representantes da CIG-Ensino reiteraron que “seguimos amosándonos contrarios ao modelo da FP dual, toda vez que segue sen haber ningún informe sobre a suposta inserción laboral que suporía para o alumnado esta modalidade e que fai que as empresas privadas dispoñan de man de obra barata ao seu antollo e que teñan a maior parte da capacidade de decisión posíbel, incluso na selección do estudantado”.
Do mesmo xeito rexeitaron o sistema de calidade dos Centros Integrados de Formación Profesional, así como o seu funcionamento empresarial e antidemocrático, que non debera ter cabida no ensino público. “Sobre o sistema de calidade temos sobradas razóns para afirmar que se amosa como ineficaz para a práctica docente e que usurpa as funcións que debera asumir a inspección educativa subcontratándoas a entidades externas”, explicou o secretario nacional, quen engadiu que “non podemos estar máis que preocupados e preocupadas por como esta etapa educativa está sendo vista, cada vez máis, como negocio por centros e chiringuitos varios, aparecendo cada vez máis ciclos concertados e autorizándose ciclos privados que se negan sistematicamente no ensino público”.
Mais, desde a CIG-Ensino tamén se abordou como un aspecto fundamental e de plena actualidade a necesaria igualdade de todo o profesorado que imparte na Formación Profesional. Neste sentido, o sindicato fixo valer a recollida de 1.375 sinaturas pedindo a equiparación salarial do profesorado técnico de FP a extinguir ou que vai quedar nas especialidades singulares despois de que o Ministerio de Educación decidira poñer como requisito para que se puidera integrar no corpo de Secundaria só aquel profesorado con titulación universitaria.
Por iso, “en defensa do corpo único docente e de que a igual traballo debe corresponder igual salario”, desde a CIG-Ensino exixiron ao conselleiro que busque unha solución a esta desigualdade co pagamento dun complemento que elimine esta discriminación.
O sindicato tamén entende que non deben existir diferenzas nas condicións de traballo entre o profesorado que imparte FP nos IES e nos CIFPs, ao respecto do horario por exemplo, e que é preciso facilitar que todo o profesorado de FP se poida integrar no grupo A1 con acordos coas universidades galegas para que o persoal que teña titulación de FP poida obter un grao validando a súa formación previa e experiencia profesional e que se oferten licenzas por estudos para conseguir esa titulación de grao”, salientou.
A lingua, esquecida
Todos os informes, sexa cal sexa a organización ou institución que os divulgue, facilitan un retrato moi preocupante da situación do noso idioma en xeral e, máis en concreto, no sistema educativo, convertido desde hai tempo nun axente de desgaleguización do alumnado galego.
Todos eses informes non fan máis que confirmar as denuncias feitas pola CIG-Ensino. A ausencia dun compromiso por reverter esta situación é, por desgraza, un sinal de identidade do goberno galego e da Consellaría de Cultura e Educación en particular. De aí que a CIG-Ensino fixera un chamamento a un cambio radical na política lingüística no ensino e a derrogar o decreto de plurilingüismo, para substituílo por unha norma que se centre en potenciar a presenza dentro e fóra das aulas da nosa lingua.
A igualdade e a saúde laboral non poden quedar nun segundo plano
Educación leva incumprindo a lei desde 2007 na súa obriga de contar cun plan de igualdade para todo o profesorado. Por iso a CIG-Ensino reiterou que hai que afrontar canto antes unha análise rigorosa sobre condicións laborais, acoso ou actitudes sexistas, conciliación, condicións da contorna de traballo etc, buscando a promoción da igualdade de trato e de oportunidades entre o colectivo docente.
Nestes intres os centros de ensino contan cun plan de igualdade para o alumnado pero que moito profesorado non coñece, segundo se desprende dunha recente enquisa realizada pola CIG-Ensino, e que non deixa de ser un papel mollado máis ao descoñecerse o seu contido e como debe actuarse en caso de acoso ou doutro problema grave.
Así mesmo, a Consellaría de Educación incumpre a normativa ao non contar cun plan de igualdade para o profesorado, que debera recoller os aspectos antes mencionados, e que segundo os resultados da mesma enquisa, o 93% do persoal participante ve como unha ferramenta útil.
Neste sentido, a CIG-Ensino, que insistiu en que “é hora de retribuír e recoñecer como se merece a figura de coordinación de igualdade e coeducación, ao igual que a de benestar nos centros”, agarda que, sen máis dilación, se constitúa unha comisión negociadora para iniciar a elaboración dunhas bases xenéricas para que despois estes plans poidan ser adaptados a cada centro de ensino e ás súas particularidades.
O sindicato, por último non esqueceu o papel que debe ter a saúde laboral e criticou que a administración non proporcione información sobre a marcha do programa de avaliación de riscos laborais nos centros nin que se convoquen aos delegados e delegadas de prevención.