A CIG-Ensino esixirá a retirada do borrador da nova orde de permisos e licenzas do profesorado que pretende aprobar Educación

Denuncia a actuación “maquiavélica” e de “desprezo” ao profesorado da consellaría por convocar unha Mesa Sectorial inabarcábel logo de non reunila en seis meses
Compostela - 08 Xan 2016
A Consellaría de Educación vén de remitir a convocatoria de Mesa Sectorial para o martes 12 de xaneiro, ás 10:00 horas, cunha orde do día que abarca a negociación de seis ordes e decretos e oito puntos da orde do día. A CIG-Ensino considera “maquiavélico” que a consellaría pretenda concentrar nunha única sesión unha orde do día “inabarcábel” e que denota o seu desprezo e desconsideración tanto polo profesorado como polos órganos de negociación.”O seu único obxectivo é cumprir co requisito legal de pasar pola Mesa, pero sen ningunha intención real de negociación”, denuncia.

Para a CIG-Ensino trátase dunha actuación sumamente grave acentuada porque impide informar ao profesorado e coñecer a súa opinión sobre os temas a tratar xa que foron remitidos en vacacións, algúns hoxe mesmo e outros aínda non se recibiron.

Por outra banda considera que non deixa de ser insólita a configuración da  orde do día, xa que a aprobación da acta aparece como punto terceiro, en lugar de primeiro como é perceptivo. “A razón hai que buscala en que a Consellaría actúa como órgano de propaganda do PP e por iso aparece no primeiro punto a oferta de emprego, unha oferta que non nos é facilitada, que non negociaron e da que se nos informará ao mesmo tempo que aos medios de comunicación”.

Retirada do proxecto de Orde de permisos, licenzas e vacacións

A CIG-Ensino esixirá na Mesa Sectorial a retirada do proxecto de orde que pretende regular os permisos, licenzas e vacacións do profesorado. Trátase dunha medida que ten como única finalidade seguir recortando e suprimindo dereitos laborais e profesionais do profesorado. Tamén pedirá que se convoque a Mesa noutra data para tratar os decretos de varios currículos (punto 6) e o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música (punto 7).

Para a CIG-Ensino “o ensañamento do PP co profesorado é tal que parece que non ten límite”. Entende que non existe xustificación algunha para pretender derrogar a actual orde que regula os permisos e licenzas do persoal docente de abril de 2008, que fora negociada previamente na Mesa sectorial docente coas organizacións sindicais.

Ao seu entender o obxectivo da Consellaría con esta proposta unilateral non é outro que suprimir o permiso por ausencias por indisposición ou enfermidade leve superior a tres días cando se achegue a pertinente xustificación documental, recollido na actual orde.

Asegura que co recorte deste permiso condénase ao profesorado a solicitar a baixa laboral coa conseguinte e importante diminución de salario por enfermar, aínda que se trate dunha indisposición ou enfermidade de menos de catro días.

A isto engade que a Consellaría non se contenta só coa supresión deste dereito senón que aproveita para derrogar a orde que regula as permutas provisionais entre o profesorado e regula as vacacións do profesorado sen ter en conta a especificidade  do traballo docente e o calendario escolar e porén “non se recolle ningunha mellora nin restitución de dereitos que nos foron arrebatados nos últimos catro anos (redución sen salario, redución de pagas extra, ampliación do horario lectivo, vixianza do transporte escolar, redución salarial por baixa laboral, supresión do cobro do verán ao profesorado substituto con 5 meses e medio de servizos…”.

Denuncia que continúan sen regular as enfermidades profesionais, a adaptación do posto de traballo por saúde laboral ou risco no embarazo, aplicación do decreto de redución do horario lectivo aos maiores de 55 anos que está recollido na LOE desde o ano 2006 e que o PP non desenvolveu o dereito a asistencia a actividades de formación destro da xornada de traballo, etc., redución da xornada lectiva do profesorado, etc.

Considera que é “mais que preocupante” que o actual conselleiro continúe “pola senda do autoritarismo e imposición con novas medidas que amosan un total desprezo ao profesorado e aos seus representantes”. A CIG-Ensino se a Consellaría non retira o proxecto de orde de permisos e licenzas levará a cabo mobilizacións contra un novo atropelo ao profesorado.