A CIG-Ensino esíxelle ao Ministerio unha regulación básica que garanta a redución real de ratios e o retorno aos horarios lectivos previos aos recortes

Educación trouxo á Mesa Docente estatal unha nova versión do texto que empeora ao respecto do negociado no grupo de traballo
Nacional - 13 Mar 2026

O anteproxecto de Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia segue o seus trámites e despois de pasar pola Conferencia Sectorial, na que están representadas todas as comunidades autónomas, o texto chegou formalmente á Mesa Docente estatal logo de sufrir algúns cambios ao respecto do documento negociado no Grupo de Traballo dependente da propia Mesa e do Consello Escolar do Estado. Nestes foros a CIG-Ensino presentou toda unha batería de propostas encamiñadas a mellorar a proposta ministerial. Pero, no camiño contrario, o texto presentado introduce dúas novidades totalmente negativas que centraron as críticas que o sindicato formulou na reunión da Mesa.

Non se garanten as propostas de mellora na atención á diversidade

Tal e como aconteceu coa LOMLOE, na que tamén salientaban unha serie de artigos referentes á atención á diversidade “que ficaron en nada, as boas intencións non son garantía de que se vaian cumprir senón se estabelecen criterios e obrigas de cumprimento”, advirte a CIG-Ensino.

A atención ao alumando con NEE queda supedita aos cartos (e por tanto, á vontade política) no texto que se presentou, xa que se incide en que a dotación de recursos humanos e materiais para a adecuada atención do alumnado con necesidades educativas especiais estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria. “Hai alguén a quen se lle ocorra que nunha lei se indicase que a ensinanza das matemáticas ou das linguas estivesen vinculadas coa existencia de fondos para contratar profesorado? Pois é hora de que a atención á diversidade se entenda como un elemento fundamental nun ensino compensador e que busque rematar coas desigualdades”, consideraron dende a CIG-Ensino.

Ao mesmo tempo o Ministerio non se abriu a introducir, como lle demandou a CIG-Ensino, que se blinda na futura lei o cómputo dobre do alumando con NEE e que se ampliase nese alumnado a ter en conta o de necesidades específicas de apoio educativo para evitar estafas como as que está a facer a Consellaría de Educación que, malia recoller algunha mellora neste sentido non as está a cumprir.

Incorporación da “distribución irregular da xornada”

No apartado da redución da xornada lectiva do profesorado, o Ministerio incorpora unha novidade prexudicial para o persoal docente de FP, ao incorporar a posibilidade da distribución irregular da xornada lectiva para atender as necesidades organizativas.

A pretensión do Ministerio quedou absolutamente clara na resposta que se lle deu á CIG-Ensino, no que foi a única crítica sindical a este apartado de todos os sindicatos presentes: contemplan que mesmo se puidesen superar as 20 horas lectivas (que no texto da lei teñen un carácter excepcional) en determinadas fases do curso para compensar a fase de presenza do alumando en prácticas nos centros de traballo.

O máis impresentábel da proposta é que até o momento actual estas diferenzas nunca supuxeron un problema e agora que se pretende reducir a xornada lectiva xeral do profesorado se aproveita para incorporar unha medida que pode ser moi lesiva para o profesorado: aumentado a carga de traballo en momentos puntuais do curso e reducindo a contratación doutros docentes como efecto inmediato”, denuncia a CIG-Ensino. 

Posición da CIG-Ensino na Mesa sobre o texto do Anteproxecto do Lei

Horario lectivo do profesorado

  • A CIG comparte que a regulación debe ter un carácter básico e de horarios máximos para permitir que as comunidades autónomas teñan marxe de redución deses horarios.
  • Comparte que a referencia a que, cando se fala de horas lectivas, se consideren períodos lectivos independentemente de que a duración sexa de 60 minutos ou inferior.
  • Solicita que se especifique que se considera parte lectiva da xornada laboral do profesorado toda actividade que requira atención directa ao alumnado.
  • Solicita que se reduza a 21 as horas nos centros de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Este foi o horario pactado en Galiza no ano 2007 e anulado por Feijóo en canto chegou á presidencia da Xunta. É, por tanto, a demanda da CIG-Ensino en Galiza para o profesorado destes centros e, como é lóxico, o que entende que todo o profesorado do Estado debería ter como máximo.
  • Solicita a eliminación do carácter excepcional (fixado en 20 horas) da parte lectiva da xornada laboral do persoal docente doutras ensinanzas de réxime xeral, e que polo tanto o máximo quede en 18. O profesorado debe ter un horario máximo independentemente da etapa na que traballe. Poder chegar ás 20 horas non só é un engano na suposta mellora das condicións laborais do profesorado, senón que tamén é unha medida que vai en detrimento da atención ao alumnado e da coordinación pedagóxica.
  • Solicita a eliminación da referencia que se fai á distribución irregular da xornada lectiva” que se recolle para o ámbito das ensinanzas de formación profesional. O horario máximo dun docente destas ensinanzas ten que ser o mesmo que o de calquera docente das demais ensinanzas. Nunca o horario foi distinto e non se xustifica que agora teña que selo. En moitos centros as horas lectivas xa son superiores ao seren os períodos de 60 minutos e non de 50 como ocorre en centros que non son propiamente de formación profesional. Esta medida non só empeoraría as condicións de traballo, senón que tamén reduce a contratación deste profesorado.

Medidas en materia de ratio de alumnado por aula

  • Solicita que na modificación que se vai facer do artigo 157 da Lei Orgánica 2/2006 de Educación xa se inclúan as ratios para todas as etapas, incluíndo por tanto infantil, bacharelato e FP sen ter que agardar por unha nova regulación que xa advertimos que non cremos que se chegue a facer.
  • Solicita que o número máximo de alumnado por aula en primaria sexa de 20.
  • Solicita que a excepcionalidade que se recolle no punto 3 do artigo segundo se limite a un prazo transitorio, só durante a aplicación progresiva das novas ratios na etapa correspondente. Se as ratios actuais non teñen excepcións, non deberían telas as futuras.
  • Considera que as novas ratios deben comezar desde o curso 2026/27 nos primeiros cursos de cada etapa e o período de aplicación o da duración de dita etapa.
  • Considera que os indicadores de referencia para determinar aqueles centros educativos nos que, por diversas características, se requiran medidas concretas se establezan nesta lei, incluíndo tamén as vulnerabilidades lingüísticas e culturais.
  • Solicita que se fixen ratios máximas cando se agrupen aulas de distinto nivel, ciclo ou etapa.
  • Debe incluírse a fixación dunha ratio máxima de alumnado por persoal orientador, que se pode tomar como referencia a recomendación da UNESCO de 1 por cada 250.
  • Debería tamén incluírse unha ratio máxima de persoal especialista por alumnado NEE e NEAE, aínda que posteriormente sexan os Equipos de Orientación Específica ou os Departamentos de Orientación os que establezan o tipo de apoio ou reforzo que necesite cada alumno ou alumna.
  • Solicita que a dotación de recursos humanos e materiais para a adecuada atención do alumnado con necesidades educativas especiais non quede supeditada ás dispoñibilidades orzamentarias. Precisamente o alumnado máis vulnerábel debe ser o primeiro en ser atendido e, por tanto, a primeira prioridade á hora de distribuír os recursos.
  • Debe de quedar totalmente claro que o cómputo dobre do alumnado con necesidades educativas especiais para a determinación da ratio máxima en aulas ordinarias é de obrigado cumprimento e tampouco depende das dispoñibilidades orzamentarias.
  • No cómputo dobre debería terse en conta o alumnado NEAE que considere oportuno o departamento de orientación.

Porén, o Ministerio non se comprometeu a ter en conta ningunha das propostas da CIG-Ensino e o sindicato levará estas propostas ao ámbito parlamentario se finalmente o Consello de Ministros aproba o Proxecto de Lei tal e como chegou á Mesa Docente estatal.

Diante das incertezas dos propios prazos de tramitación da Lei, da inseguridade do que poida acontecer no Congreso e no Senado así como da xa coñecida posición da Xunta ao respecto das condicións de traballo e das ratios, a CIG-Ensino anima ao profesorado galego a impulsar, mediante a mobilización, unha resposta clara tanto ao goberno español como ao galego “para que as nosas demandas de mellora sexan realmente atendidas e non se repita o xogo de mentiras e falas melloras que vivimos en Galiza co acordo da vergoña de 2023 rexeitado pola inmensa maioría do profesorado e pola maioría sindical”.