CIG-Ensino esixe que non se consinta a discriminación por embarazo e permiso por parto na fase de prácticas
A CIG-Ensino vén de constatar que as funcionarias en prácticas que están embarazadas ou ás que lle corresponde gozar do permiso por parto poden ver comprometidos, e mesmo conculcados, os seus dereitos fundamentais se a Consellería de Educación non adopta as medidas oportunas para que poidan desenvolver esta fase do proceso en igualdade de condicións con respecto ao resto de persoas aprobadas.
A fase de prácticas para as funcionarias e funcionarios que aproben o concurso-oposición está regulada na Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso a diferentes corpos docentes. A base vixésimo primeira establece que a duración desta fase será de catro meses e que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá flexibilizar este período por causas xustificadas.
O sindicato nacionalista considera inaceptábel que nalgún caso a Inspección Educativa estea recomendando o aprazamento desta fase para o vindeiro curso. En palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, “resulta imprescindíbel que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos dite instrucións precisas, dirixidas a todas as Xefaturas Territoriais, para que as baixas ou os permisos relacionados co embarazo e o parto, respectivamente, entren dentro das xustificacións que permitan esa flexibilización”.
Por este motivo a CIG-Ensino vén de dirixir un escrito á Consellaría para que se adopten as medidas necesarias que garantan que todas as funcionarias en prácticas que se atopen embarazadas ou o persoal que goce do permiso de maternidade saiban que disporán de todo o curso escolar para a realización das mesmas, e que en ningún caso se producirá unha discriminación na carreira profesional destas persoas, ben sexa na toma de posesión como funcionariado de carreira, como na posíbel adxudicación de destino definitivo.
“En todo caso -engade Suso Bermello-, cómpre saber que hai xurisprudencia suficiente que, por un lado impide que se poida declarar non apta a quen non fixo as prácticas por este motivo, e tamén que recoñece o dereito a que, aínda no suposto de ter que realizalas nun curso posterior, o nomeamento como funcionaria de carreira sexa na mesma data que os seus compañeiros e compañeiras de oposición, evitando desta maneira calquera discriminación”.
Desde a CIG-Ensino ínstase á Consellería a que se tomen medidas que eviten a xudicialización destas situacións para evitar que se produzan reclamacións por parte das persoas afectadas que, en todo caso, serán apoiadas por este sindicato.