A CIG-Ensino esixe transparencia na dotación de profesorado e na xestión dos contaxios e das corentenas
A federación de Ensino da CIG esíxelle á Consellaría de Educación a máxima transparencia na dotación de profesorado e na xestión dos contaxios e das corentenas, ao tempo que rexeita o uso de mamparas e reclama garantías para a semipresencialidade.
Dende a central sinalan que co curso iniciado en infantil, primaria e educación especial, e a piques de facelo en secundaria, están a recibir numerosas consultas por parte do profesorado sobre as últimas decisións da Consellaría e sobre cuestións de xestión diaria da crise sanitaria nos centros educativos.
No que ten que ver coa dotación de profesorado, na CIG entenden que tras os anuncios feitos onte polo conselleiro “as contas en primaria, infantil e educación especial están claras: o único incremento real de profesorado foron 221 interinidades que houbo de diferenza entre a adxudicación provisional de destinos de xullo e a definitiva de agosto”.
Neste senso, denuncian que “a maquinaria de propaganda á que nos ten acostumadas a Consellaría empregou os contratos programa e a obriga legal de cumprir as ratios en primaria para inflar a cifra neste corpo”. Polo que a central demanda que nestas etapas educativas se garanta igualmente a separación de metro e medio entre alumnado e se autoricen desdobres e reforzos de persoal docente e non docente onde sexa necesario.
Denuncian que en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial é imposíbel facer unha avaliación sobre a dotación de profesorado se a Consellaría non actúa con transparencia. “Non sabemos exactamente cantas docentes pedían todos e cada un dos centros e en que condicións as pedían, se contaban con espazos suficientes para facer desdobres ou non; ante a falta destes datos fúrtase a posibilidade de control sindical e social das cifras anunciadas polo conselleiro. Ademais, tal e como denunciamos publicamente, o tratamento foi moi diferente entre os centros”.
Por outro lado, desde a CIG-Ensino insisten en que o profesorado e a comunidade educativa ten que formar parte da toma de decisións nos centros no que ten que ver con recorrer a quendas de tarde, á semipresencialidade ou ao uso de anteparos e calquera destas medidas debería ser debatida e aprobada polo claustro e polo consello escolar.
Semipresencialidade
Para a CIG-Ensino a semipresencialidade debe ser o último recurso e só naqueles centros nos que non haxa espazos para desdobres. Ademais, consideran que é preciso garantir que non haxa discriminación na conectividade entre alumnado, que desde a Consellaría se aclare como se vai facer o seguimento e o aproveitamento curricular do alumnado que non asiste presencialmente. “Entendemos tamén que este recurso debería vir acompañado de profesorado específico ou a maiores”.
Mais amosan a súa preocupación ao considerar que coas restricións impostas pola Consellaría na práctica, a semipresencialidade vai supor unha redución de horario lectivo e de currículo e un aumento da carga de traballo do profesorado.
A CIG-Ensino sospeita que a semipresencialidade vai afondar no problema que se arrastra desde finais do curso pasado. “Parece que a Administración xa esqueceu que durante o primeiro trimestre, e en xeral durante o actual curso, tería que facerse unha adaptación curricular para suplir as carencias que se derivaron da suspensión das aulas desde marzo até xuño pasados”. Polo tanto, a Consellaría ten que garantir que alumnado, profesorado e centros afectados pola semipresencialidade non vexan mermada a atención e a calidade educativa.
Por outra banda, para a CIG-Ensino recorrer a mamparas é a peor das solucións desde todos os puntos de vista. En primeiro lugar porque dá unha falsa sensación de seguridade e porque reduce a un metro a distancia incumprindo todas as recomendacións das autoridades sanitarias e expresamente a da OMS que fala de 1 metro entre pupitres ou a do acordo co Ministerio que fixa 1,5 metros interpersoal como mínimo. “Ademais de supoñer un custe excesivo para os centros supón unha complicación engadida en materia de limpeza e loxística das mesmas, sendo preciso máis persoal para mantelas hixienizadas”.
Xestión dos contaxios e das corentenas
Cando apenas se cumpre unha semana do inicio de curso en infantil, primaria e educación especial e xa hai, segundo datos da propia Administración, dous centros pechados e 29 casos positivos “demandamos unha transparencia absoluta de todos os contaxios que se produzan e dos centros que se vexan alterados por peche. Esa información debe estar dispoñíbel a diario na páxina web da Consellaría de Educación e debe axilizarse a posta en marcha urxente da aplicación EduCovid para que se poidan rastrexar os contactos.”
Para poder confiar nas autoridades sanitarias galegas, os criterios que apliquen en cada centro teñen que ser públicos e transparentes
A central incide en que o profesorado, as familias e o alumnado, toda a comunidade educativa, ten que ter as máximas garantías de que quen está xestionando na Consellaría os abrochos que se poidan producir o está facendo de forma correcta. “Pero insistimos, para poder confiar nas autoridades sanitarias galegas, os criterios que apliquen en cada centro teñen que ser públicos e transparentes”.
Segundo indican, esta situación crea suspicacias e dúbidas entre a comunidade educativa porque se están adoptar diferentes recomendacións en canto ás corentenas dependendo do centro ou da consideración de contactos estreitos. “Nunca imos poñer en cuestión as decisións de medicina preventiva pero solicitamos que sexan profesionais sanitarios os que determinen que é un contacto directo, por exemplo, e non que o teña que facer profesorado membro do equipo Covid dos centros, como aparece no apartado 7.3 do protocolo publicado o 31 de xullo”.
Neste senso, poñen un exemplo que xa se ten producido: se hai un caso positivo nunha clase de primaria e se opta por poñer en corentena ao resto do alumnado e á titoría, pero non así ás especialistas, ten que determinarse porque se toma esta decisión en base a criterios obxectivos e científicos: tempo de contacto co positivo, utilización de material de protección, ventilación das aulas, etc.
“Entendemos que non exista un criterio uniforme para todos os casos e que se atenda as diferentes casuísticas mais é preciso que os que se apliquen sexan claros, concisos e transparentes para todo o persoal dos centros e para o conxunto da sociedade”.
Finalmente, apostan por que as decisións sexan médicas e non políticas, que se atenda a instrucións sanitarias coherentes e coñecidas, e que esas decisións sexan trasladadas de forma clara e rápida aos centros educativos.