Esixen a mediación de Educación no conflito polo despedimento dunha mestra no CPR Sagrado Corazón
A CIG-Ensino continúa coas accións reivindicativas que emprendeu tras o despido ilegal o pasado 6 de decembro da especialista en Audición e Linguaxe, Geli Rodríguez Amado, do CPR Sagrado Corazón de Lalín. Despois de que a empresa se negara a estabelecer calquera tipo de negociación e, en paralelo á redacción da demanda xudicial, delegados e delegadas da CIG-Ensino volveron concentrarse hoxe diante do centro para esixirlle nesta ocasión ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que se involucre no conflito.
Segundo declarou o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, “cómpre lembrar que este centro educativo está dentro do chamado pagamento delegado, é dicir, que o salario do profesorado está sufragado directamente pola Consellaría polo que a administración non pode manterse á marxe desta situación nin un día máis. O conselleiro é coñecedor da realidade deste centro e non pode inhibirse dun caso que é claramente ilegal”.
Neste sentido, lembrou que a traballadora estaba contratada só por 9 horas semanais e cun salario de 600 euros cunha modalidade de contrato por obra e servizo. A comezos de curso entregóuselle unha prórroga do contrato na que se fixaba a data de finalización o 6 de decembro e non a finais de curso, que era o acordado con ela e que coincide co inicio da súa xubilación. Desde o sindicato iniciáronse as medidas xudiciais para reclamar, entre outras cousas, que a traballadora sexa indemnizada por todo este tempo que non está contratada.
Por outra banda, o sindicato continúa coa campaña de recollida de sinaturas de apoio á traballadora despedida na localidade de Lalín que lle serán remitidas á Consellaría nos próximos días.