A CIG-Ensino esixe a apertura inmediata de novas listas de agarda no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
Debido á diminución dos cadros de persoal dos centros de traballo, polas sucesivas amortizacións de persoal, urxe máis que nunca a apertura das listaxes de agarda do persoal do Consorcio, non só para cubrir as case 100 prazas de nova creación, senón tamén para atender as necesidades das propias traballadoras e traballadores.
A CIG-Ensino considera que é “inaceptábel” que a mala xestión da Xerencia do Consorcio, negándose a abrir as listas de substitucións, tal e como lle solicitou a CIG en sucesivas ocasións, “leve a que as traballadoras e traballadores teñan que aprazar as súas visitas médicas ou renunciar a días de asuntos propios para que as Galescolas poidan seguir funcionando”.
O persoal do Consorcio leva nos seus postos de traballo desde o ano 2.007, sen posibilidade de permutar nin de participar nun concurso de traslados, polo que a creación destas 100 prazas é a mellor oportunidade para emendar esta situación e acabar coas prácticas caciquís e servís do partido popular.
En consecuencia, a CIG-Ensino exixe que se oferten estas prazas tan necesarias ao persoal do Consorcio en concurso de traslados interno e que as resultas ou vacantes deste concurso sexan cubertas nunha oferta pública e transparente.