A CIG-Ensino e a AS-PG organizan as XXVI Xornadas de Lingua e Literatura
A CIG-Ensino e a A-PG organizan para o vindeiro sábado, día 6 de maio, no IES as Fontiñas de Santiago, as XXVI Xornadas de Lingua e Literatura Galega. A matrícula para as xornadas xa está pechada ao completarse o número de prazas ofertadas.
As xornadas comezarán as 10:00 h. coa conferencia Carlos Casares no espello da súa obra a cargo de Elvira Roíz e Manuel Rei Romeu, docentes e Lingua e Literatura Galega no IES Concepción Arenal de Ferrol. A continuación, ás 11:00 h. intervirá Xosé Ramón Freixeiro Mato, docente da UDC coa comunicación Lingua galega e ensino: coherencia, compromiso e visión de futuro. Seguiralle Eli Ríos, ás 12:00 h. coa proposta A escritora fala da súa obra e o programa da mañá rematará con intervención, ás 13:00 h. Cineclube no ensino, de Rosa Enríquez, profesora de ensino medio e poeta.
Pola tarde desenvolveranse, de xeito simultáneo, os seguintes seminarios:
16:00 h:
- ‘Comentario de texto filolóxico dun texto medieval’, a cargo de Xoán López Viñas, profesor da Área de Galego-Portugués da Universidade da Coruña.
- “Como atraer o alumnado a literatura” a cargo do especialista en docencia da literatura Anxo González.
17:00 h.
- A materia de lingua dende un enfoque comunicativo con Ana Rial e Manuel Rosales, profesores no IES Aquas Celenis.
- Comentario de texto literario co escritor Suso de Toro.
18:00 h.
- A dramaturxia como ferramenta de intervención no xogo das identidades colectiva e persoal, a cargo de Alfonso Becerra de Becerreá, dramaturgo e director de escena.
- Comentario de texto lingüístico dun texto contemporáneo’, de Xoán López Viñas, profesor da Área de Galego-Portugués da Universidade da Coruña.
As xornadas rematarán coa explicación do proxecto Regueifesta, innovar o ensino desde a tradición e actuación das regueifeiras Sara Marchena e Alba María.