A CIG-Ensino denuncia un novo recorte no ensino público no Salnés
A Consellería de Educación vén de anunciar, a través da inspección educativa, o recorte da vía de Música e Artes Escénicas, da modalidade do bacharelato de Artes no IES O Carril de Vilagarcía. Na CIG-Ensino denuncian que este recorte é de “especial gravidade”, posto que son moi poucos os centros que ofertan esta modalidade de Bacharelato, concretamente na comarca do Salnés esta modalidade só se oferta neste instituto.
“Non podemos entender a cruzada da Consellería de Educación e da Xunta de Galiza do Partido Popular contra o ensino público, sendo esta unha decisión que carece de explicación posíbel posto que sempre tivo alumnado interesado nestas ensinanzas e ademais o centro está dotado de profesorado que ten dispoñibilidade horaria para continuar con esta oferta”, sinalan dende a central sindical.
Neste senso censuran que a Consellería de Educación someta continuamente aos centros públicos á “presión dos recortes”, tentando cada ano ir diminuíndo a súa oferta; “podemos lembrar a tentativa que fixo a comezos do curso 21/22 de non ofertar determinadas optativas do bacharelato en moitos centros do país”.
Ademais, critican que cada ano se produza unha redución dos orzamentos adicados a Educación, “insistindo nunha merma no ensino público mentres se incrementan os fondos destinados ao ensino concertado”.
Finalmente, dende a CIG-Ensino instan a Consellería a reconsiderar a decisión de recortar a oferta do bacharelato de Artes no IES O Carril, “mantendo as dúas modalidades que se viñan impartindo dende o curso 2011/2012”.