A CIG-Ensino denuncia recortes de dereitos na nova modificación do acordo de persoal interino
A CIG-Ensino denuncia unha modificación do acordo que regula as condicións de traballo do persoal interino e substituto pensada principalmente, como deixou en evidencia na negociación da Mesa Sectorial, para beneficiar á administración, na que se atenden parcialmente propostas de mellora defendidas até agora en solitario pola CIG-Ensino e na que destacan novos recortes de dereitos.
Negación sindical e do goberno do dereito a indemnización
Os sindicatos asinantese a Consellaría asumen o papel da xustiza e deciden que ningún docente terá dereito á indemnización prevista na nova redacción do TREBEP tras a Lei 20/2021. A CIG-Ensino é consciente de que o feito de que os contratos docentes sexan por curso académico pode ser motivo para denegar unha posíbel compensación económica, “máis restrinxir expresamente un dereito recollido nunha Lei nun acordo sindical é algo que nunca se producira con anterioridade”, afirma.
Integración do persoal técnico de FP interino no corpo de PES sen efectos retroactivos
O texto asumido polos sindicatos asinantes dá por bo que o persoal interino das listas actuais de PTFP se incorpore ás listas de PES con efectos do 1 de setembro de 2023, deixando atrás a posibilidade de que a efectividade económica para todo o persoal interino sexa a mesma que para o funcionariado de carreira, isto é, que teña efectos retroactivos desde xaneiro de 2021.
Cobro do verán para o profesorado substituto
Séguese, once cursos despois, sen que o profesorado substituto que traballe cinco meses e medio cobre o verán íntegro. Ese dereito mantense no articulado do texto como papel mollado sen que a ningún dos sindicatos que o asumen pareza importarlle.
Melloras insuficiente nas renuncias e limitación de concellos pola idade das fillas e fillos ou por outros contratos
Existe unha mellora no requisito da idade das fillas e fillos, pero soamente nos casos de familias monoparentais, de ter tres fillas ou fillos ou no caso de familias de dúas crianzas se unha delas ten discapacidade. A CIG-Ensino, aínda recoñecendo o avance, lamenta que esta medida sexa insuficiente e a idade dos fillos e fillas non se acomode á idade que con carácter xeral emprega a Xunta, para a conciliación familiar, 12 anos.
Unha mellora clara é o feito de poder renunciar por outro contrato laboral, sen a limitación de que sexan temporais ou a traballadores e traballadoras por conta propia. Neste último caso é preciso levar seis meses cotizados no réxime especial de autónomos, o que consideramos un requisito excesivo.
Esta demanda foi defendida desde hai anos en solitario pola CIG-Ensino. “Alegrámonos de que a administración rectifique e que os demais sindicatos asuman agora esas melloras”.
Nesta modificación introducíronse cuestións que xa se viñan facendo pero que non constaban por escrito, como é o nomeamento da mesma persoa substituta se a substitución se interrompe en Nadal, Semana Santa ou Entroido, ou incluír as prazas dos Centros de Menores e de Atención Domiciliaria como voluntarias.
Recortes nas renuncias e limitación de concellos por ampliación de estudos
O persoal interino sofre un recorte moi importante nos seus dereitos a renunciar aos chamamentos ou a restrinxir zona por concellos ao se lle negar que estes estudos poidan ser, como até agora, de FP.
Ademais, nos estudos universitarios imponse un límite de tres anos (excepcionalmente dous máis sempre que se teña aprobado neste período un mínimo de 90 créditos) para poder acollerse a este motivo de renuncia ou restrición de zona.
Un baremo para acceder a listas que beneficia á Consellaría que non ten en conta experiencia docente nin formación previa
O único criterio baremábel para incorporarse ás listas de substitución será a nota media do expediente académico, desbotando méritos tan importantes como a experiencia docente previa ou a formación.
As proposta da CIG-Ensino, que non aceptaron e impide que o acordo teña o respaldo da maioría sindical
A administración negouse a incorporar unha proposta ofrecida pola CIG-Ensino durante a negociación deste acordo e os sindicatos asinantes desentendéronse unha vez máis do tema.
A novidade foi que desta vez nin sequera a Consellaría se atreveu a dicir que non asumía a proposta da CIG porque fose ilegal ou porque puxese en perigo o acordo de persoal interino. “Unha mentira repetida até a saciedade por algúns representantes sindicais instalados na mentira e a falta de escrúpulos. A mentira ten as pernas curtas. A única razón foi a negativa a asumir ese compromiso de estabilidade por parte da Consellaría e os sindicatos asinantes”.
Estas foron as propostas da CIG-Ensino que non quixeron atender
- Cláusula de estabilidade
- Ampliar a 12 anos a idade dun fillo ou filla para renunciar
- Manter a FP para renunciar por ampliación de estudos
- Poñer o “contador a cero” no caso de que haxa cambios nos motivos para renunciar ou limitar concellos nos chamamentos
- Protección das mulleres en baixas derivadas do embarazo, equiparando estas co permiso de parto
- Ampliar as causas xustificadas para non participar nas oposicións
- Elección de zonas de substitución sen xustificación máis reducidas que as provincias.
- Obrigatoriedade de facer chamamentos diarios
- Transformación dos contratos de substitución en interinidade cando na praza non exista titular máis alá do límite actual.
- Consolidación nas listas cando se renuncia e non se contrata a ninguén máis posteriormente
- Baremo de listas idéntico ao baremo das oposicións