A CIG-Ensino denuncia que Xunta volve favorecer ao ensino concertado fronte ao público
O pasado 16 de setembro a CIG-Ensino denunciaba que a Consellaría non abría o programa Proa+ a novas necesidades dos centros, que só contempla a prórroga cos centros que contaron con profesorado PROA no curso pasado, sen ter en conta as novas necesidades de atención educativa que puideran aparecer nos centros públicos galegos.
Por iso denuncia a “máiúscula sopresa” atopada hoxe no DOG, coa Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+, na que de novo a Consellaría fai mostra dun dos seus axiomas: “non temos cartos para o ensino público pero si para o privado”.
A CIG- Ensino volve insistir en que as necesidades de atención educativa se cubran con ampliación dos cadros de persoal, e non con parches, “pero o que non é de recibo é que se dote ao ensino privado de axudas que se recortan no ensino público”.
Denuncia o “descontrol” deste goberno, que “é tal que os centros públicos aos que se lles prorrogou o profesorado Proa está recibindo estes días ao profesorado sen aviso previo por parte da Consellaría e, polo tanto, sen horario para o novo persoal”.
O sindicato insta á administración a rectificar na súa política a favor do ensino privado e que destine estes 1.287.332 Euros a cubrir carencias no ensino público galego.