A CIG-Ensino denuncia que a oferta de emprego público docente da Xunta é a peor dos últimos anos
A CIG-Ensino vén de denunciar que a Oferta de Emprego Público presentada pola Xunta na mesa sectorial docente “é a peor dos últimos anos”. A consellaría avanzou que a data tope para publicar no DOG a convocatoria será o 15 de febreiro e que previsiblemente as oposicións empezarán o 22 de xuño. Denuncia que, porén na mesa sectorial constatouse que nin se cobren todas as xubilacións de 2022 e 2023, nin se crea un só novo posto de traballo.
O presidente Rueda afirmou recentemente que a oferta de emprego de Educación deste 2024 era a maior dos últimos anos. Mais os datos que este martes presentou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial docente demostran “que as mentiras teñen as pernas moi curtas”, en palabras do seu secretario nacional, Suso Bermello. “O que caracteriza a oferta de emprego deste ano é que non se vai incrementar nin un só posto de traballo”.
Segundo Bermello, “o curso que vén haberá o mesmo profesorado que este: porque así o quere a Xunta, que nos seus orzamentos conxela a cifra total de docentes; e porque así llo permiten os sindicatos estatais que pactaron nestes últimos anos que as ofertas de emprego estivesen condicionadas pola imposibilidade de superar o total de profesorado en activo ao remate das mesmas”.
“A Consellaría vendeu na Mesa que aplica a taxa de reposición do 120% que permite a normativa estatal (1387 prazas) mais só a do ano 2023, cando segundo os nosos datos estariamos ante máis de 2000 xubilacións docentes entre os dous anos, ás que habería que sumar falecementos, excedencias con perda de posto de traballo etc”, insiste Bermello.
Datos proporcionados pola Consellaría
A Consellaría non proporcionou os datos do ano 2022, como lle demandou a CIG-Ensino e simplemente se comprometeu a remitirllos ás organizacións sindicais nos próximos días. Tampouco achegou os datos de profesorado interino por especialidades, como veu facendo en anos anteriores e limitouse a indicar que o 120% da taxa de reposición deste ano suma 1387 prazas, ás que hai que sumarlle 125 que non se convocaran en 2022 polo cambio nos corpos de Formación profesional, o que supón en total 1512.
Estes datos permiten concluír, segundo o sindicato maioritario, “que estamos diante da peor oferta de emprego destes últimos anos, como se pon de manifesto na gráfica inicial deste documento. Como comparación máis próxima temos as oposicións de 2022 nas que se acumularon as taxas de reposición de dous anos (2020 e 2021), superando a oferta dese ano nun 44% á deste ano 2024 (662 prazas máis)”.
Neste sentido, cómpre ter en conta que á hora de fixar as prazas dunha OPE, máis alá da imposición legal da taxa de reposición, tamén debe contemplarse a porcentaxe de profesorado interino e as previsións de xubilacións para os próximos anos. A Consellaría confirmou que non tivo en conta os datos de idade do profesorado e só revisou a cifra de persoal interino e as vacantes no concurso de traslados, algo que para a CIG-Ensino non ten xustificación.
Tendo en conta ambos factores, os estudos realizados pola CIG-Ensino, tanto de persoal interino en activo como do profesorado de 60 ou máis anos neste 2024, permiten concluír que hai unha marxe ampla para incrementar prazas na OPE. Neste sentido, o sindicato demandou a convocatoria da taxa de reposición completa dos anos 2022 e 2023, chegando ao seu tope legal e insistiu en que se oferten todas as prazas estruturais, tal e como se comprometera a administración, para evitar que se volvan producir abusos de temporalidade do persoal interino.
Segundo os datos incompletos ofrecidos pola Consellaría hai un importante desfase entre as xubilacións dos dous últimos anos e as prazas ofertadas. Segundo o cómputo feito pola CIG-Ensino por especialidades hai varias do corpo de PES nas que se ofertan nin o 40% das xubilacións producidas en 2022 e 2023 (Latín, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Francés) No corpo de mestras pasa o mesmo con Infantil, co 40% das xubilacións ofertadas e en Primaria, co 30%. “Os datos de infantil demostran perfectamente que a redución de ratios prevista para o curso que vén no acordo asinado por Rueda coa minoría sindical non terá ningún efecto de incremento de persoal docente”, subliñou Bermello.
Falta de transparencia na asignación de prazas
Á CIG-Ensino non lle convencen os criterios aplicados pola Consellaría ao respecto de decidir o número de prazas especialidades, dado que nalgúns casos, o número de persoal interino e de funcionariado de carreira próximo a xubilarse son moi similiares nas especialidades que non se convocan ás que si o fan.
A única concesión que fixo a Xunta na Mesa Sectorial, argumentando que fora un erro na comunicación previa á reunión, foi a incorporación a maiores de 4 prazas de Portugués para Escolas de Idiomas, a custa de recortar 2 en Francés e 2 en Inglés neste mesmo corpo. Non aceptou, tal e como lle demandou a CIG-Ensino, incrementar as prazas de Portugués en Secundaria para dar cumprimento á Lei Paz-Andrade que obriga a administración a incrementar a oferta formativa desta lingua nas ensinanzas medias.
Cambios na acumulación de prazas da quenda de discapacidade
Outra das novidades con respecto a convocatorias pasadas é que tras unha sentenza que pon de manifesto que a Consellaría non estaba a aplicar correctamente a Lei de emprego público de Galiza (LEPG) no que respecta ás prazas que non se cubrían da quenda de persoas con discapacidade agora estas non se van poder acumular á quenda libre a menos que se cubra o 3% das que se ofertan.
Para a CIG-Ensino a interpretación que fixo a Xunta no borrador da convocatoria é moi restritiva e insistiu en buscar solucións para que non se perda ningunha praza, preservando os dereitos das persoas con diversidade funcional.
Neste sentido a administración comprometeuse a revisar o texto da convocatoria para evitar que aconteza isto. Non así na outra demanda que lle fixo a CIG-Ensino para que negocie con Función Pública da Xunta para que permita que se acumulen as prazas que ano tras ano quedan desertas de promoción interna (na última convocatoria o 92%), sobre todo porque non hai apenas persoas interesadas en acceder ao grupo A1 desde o grupo A2.