A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría censura a información sobre a situación dos centros docentes

A xefatura de Inspección de Lugo pretende limitar o acceso ás ANPAs, nun exercicio de censura intolerábel
Nacional - 18 Out 2024

A CIG-Ensino denuncia que un correo electrónico remitido pola inspección de Lugo vén de marcar “un paso máis na deriva de ocultación da realidade dos centros educativos” por parte da Consellaría de Educación, nun comezo de curso destacado pola enorme avalancha de propaganda e mentiras por parte dos seus responsábeis políticos.

Do correo conclúese que unha ANPA non ten dereito a acceder á información sobre a situación do centro no que actúa como tal. Unha afirmación de gravidade por parte da Inspección que parece esquecer que as nais e pais forman parte do Consello Escolar, e, no caso da ANPA, cun posto designado por esta. Esquece tamén que ao igual que o profesorado do propio centro ou as organizacións sindicais que o representamos, o que nos move (ou nos debería mover) a todas as entidades, organizacións e colectivos da comunicade educativa dun centro público é precisamente a defensa do propio centro e do ensino público en xeral.

 

Malamente se pode loitar polo futuro dun centro se a quen quere defendelo se lle nega a información que permite demostrar cales son as carencias e as necesidades dese centro.

 

A medida que pretende impoñer a Inspección levaría a calquera ANPA, e por extensión, a calquera docente, mesmo que formase parte do Consello Escolar, tivese que solicitar esa información como se fose unha persoa allea ao centro: a través  do acceso a información pública que regula a Lei de Transparencia. Teñamos en conta que a administración ten un prazo dun mes para contestar ás solicitude que se lle fagan por esta vía e que se todas as ANPAS ou docentes dun centro solicitasen esa información por esta vía, colapsaría. Seguramente é o que buscan; demorar o máximo posíbel a información que se solicita ou mesmo, non facelo. Teñamos en conta que un informe da Valedora do Pobo feito público en datas recentes cifra nun 25% a porcentaxe de solicitudes de información pública que non son contestadas pola Xunta, recorrendo ao silencio administrativo.

 

A CIG-Ensino exixe explicacións á Consellaría de Educación para coñecer se este correo foi produto dunha iniciativa propia da Dirección Territorial de Lugo ou ben provén da Dirección Xeral de Ordenación, de quen depende organicamente a Inspección educativa. O sindicato demanda, en todo caso, que as indicacións contidas nese correo, que non teñen rango nin valor normativo, sexan anuladas e comunicada a rectificación aos centros da provincia de Lugo pola mesma vía. Ao tempo, a CIG-Ensino anima a todas as direccións a colaborar activamente coas ANPAs e as organizacións sindicais para, coa información necesaria, poder atender as demandas que existen entre a comunidade educativa e facer fronte ao muro de silencio que nos queren impoñer.

TEXTO DO EMAIL REMITIDO POLA XEFATURA DE INSPECCIÓN DE LUGO

 “Prezada directora / prezado director:

Este Servizo de Inspección foi coñecedor de que a algunhas direccións de centros estanlles a chegar peticións da ANPA para que lle faciliten datos do número de alumnado total do centro, unidades, alumnado con NEE, con NEAE, etc. Este tipo de datos débense tramitar a través dunha solicitude de información pública, regulada na Lei 19/2013, do 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de ámbito estatal, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de ámbito autonómico.

O artigo 26 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que o dereito de acceso á información pública exercerase mediante a presentación da solicitude dirixida á persoa titular do órgano administrativo que posúa a información e sexa competente para resolvela. No ámbito do sector público autonómico educativo de Galicia, esta competencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Polo tanto, o centro educativo non debe facilitar estes datos.

No caso de recibir este tipo de peticións, debe vostede responder á persoa solicitante co texto que achegamos (documento "Anexo I_Modelo de resposta"). Pode facilitarlle tamén o modelo normalizado de solicitude (documento "Anexo II_Solicitude normalizada").

Recordamos que, en virtude do establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, esta solicitude debe presentarse a través do do Sistema Único de Rexistro, dependente da consellería competente en materia de administracións públicas, que está integrado polos rexistros presenciais (o Rexistro Xeral e os rexistros auxiliares) e polo rexistro electrónico. De conformidade co devandito decreto, o centro educativo NON é unha oficina auxiliar de rexistro de documentos, polo que non pode exercer funcións de recepción e/ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións para outros órganos, servizos ou unidades administrativas. Xa que logo, non se pode tramitar este tipo de solicitudes a través das secretarías dos centros educativos.”