A CIG-Ensino denuncia o papel da Xunta na polémica creada pola titulación de Medicina e chama a frear a privatización do SUG

Apela á unidade das tres universidades para facer fronte á política de privatización do PP
Nacional - 29 Mai 2025

 Ao fío da polémica ao redor da titulación de Medicina no SUG, coa decisión da UDC de solicitar a titulación de Grao para o curso 2026/27, a CIG-Ensino, primeiro sindicato do país e da representación do persoal docente e investigador no conxunto das tres universidades públicas galegas, fai público o seguinte comunicado:

-   A máxima responsabilidade na situación actual é do presidente da Xunta e do seu conselleiro de Educación e Universidades. Todo parte da decisión de regalarlle unha licenza universitaria á familia Escotet, abrindo a porta á privatización do SUG coa creación dunha universidade, a UIP, que non naceu con vontade de complementar a oferta pública, senón de facer negocio nos ámbitos académicos nos que a oferta pública xa existe e se fai insuficiente pola política do PP de negar o incremento desta.

-   O momento actual, por tanto, non ten nada a ver co pacto de 2015 entre as tres universidades públicas e a Xunta. Por iso, as solucións teñen que ser outras: a aposta decidida da Xunta por privatizar o SUG e as novas sobre as intencións da universidade vinculada a Abanca require respostas contundentes de apoio ás universidades públicas para o que desde a CIG demándase unidade e entendemento entre as tres institucións públicas e unha rectificación na política de desgaste da Xunta, apostando definitivamente pola rede pública.

-   As necesidades de persoal sanitario son enormes e van ser aínda maiores nas próximas décadas, polo necesario relevo profesional vinculado coa xubilación dunha parte importante do persoal sanitario. Permitir que sexa a oferta privada quen asuma ese incremento de prazas é algo que rexeita por completo a CIG-Ensino.

A solución pasa, por tanto, por unir forzas de quen defende os servizos públicos, tanto desde as propias institucións como desde as forzas políticas e sindicais e do conxunto da sociedade, contra a voracidade depredadora de quen só ve nos estudos universitarios un nicho de mercado e contra quen llo permite todo desde o goberno galego.