A CIG-Ensino denuncia o despedimento dunha das traballadoras da Escola Infantil Merlín en situación de IT

A central recorrerá a decisión na vía xudicial e convoca concentración para o 4 de febreiro
- 31 Xan 2025

A CIG-Ensino denuncia que, despois de meses desaparecido, na mañá deste venres, o empresario Carlos Porto, propietario da Escola Infantil Merlín de Ames, presentouse no centro de traballo e comunicoulle á delegada da CIG que se ía proceder a despedir a unha traballadora -que fora na candidatura das eleccións sindicais- que nestes intres está de baixa médica por unha situación complicada de saúde. Así mesmo, comunicoulle a redución de xornada unilateral por parte da empresa a outra das traballadoras, que tamén está en situación de IT nestes momentos.

Tanto as formas como o fondo desta decisión "son absolutamente rexeitábeis, ademais de que infrinxen a legalidade e vulneran os dereitos sindicais e laborais". Alén das actuacións xudiciais que se emprenderán en canto lle sexa notificado oficialmente o despedimento á traballadora, a CIG-Ensino entende que a medida aínda é reversíbel e por iso solicitaron unha reunión urxente co empresario para o vindeiro luns, día 3.

O sindicato ten convocada unha concentración diante da Escola para o martes día 4, ás 13 horas, e fai un chamado a toda a comunidade educativa e veciñanza a participar en repulsa da actuación empresarial contra os dereitos das traballadoras e polas consecuencias que isto ten tamén sobre as crianzas que acoden á escola.

Atrasos e impagos nas nóminas

O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo, sinala que detrás deste despedimento están as represalias polo último comunicado emitido polo conxunto das traballadoras que denunciaban os impagamentos das nóminas de novembro e decembro. Este mes, e despois de recibir outro tramo da subvención da Consellaría de Política Social e Igualdade de subvención pola gratuidade desta etapa educativa, a empresa fixo efectivas algunhas das nóminas.

“Sorprende a actitude mesquiña e inmoral do empresario que non lle notifica directamente nada á traballadora, que ademais está nunha situación de Incapacidade Temporal por unha situación complexa, e minte na carta de despedimento ao sinalar que o centro ten menos matrícula da que realmente ten a día de hoxe. Seguramente que eses non son os datos que lle trasladou á Xunta de Galiza para recibir a subvención pública", critica.

A maiores, a empresa notifícalle á traballadora despedida unhas contas que nada teñen que ver coas que se lle entregou á representación sindical e que, curiosamente, agora inclúen perdas nunha escola que, ademais de estar subvencionada ao 100%, obtén beneficios por cada neno ou nena polo cátering ou pola utilización de material”, indica Monteagudo, quen engade que “unha vez máis é loábel a actitude das traballadoras que seguiron asistindo puntualmente aos seus postos de traballo e actuando con total profesionalidade malia levar preto de dous anos con atrasos e impagamentos e coas relacións totalmente rotas coa dirección da empresa”.

Intervención da administración

Para a CIG-Ensino esta situación "xa é a que colmou todas as irregularidades e despropósitos" que se levan producindo nesta escola infantil “que debe ser intervida xa pola Xunta de Galiza, á vez que se sanciona a actitude neglixente dos seus propietarios". "Non é de recibo que se estea sufragando con cartos públicos unha empresa que leva preto de dous anos incumprindo a normativa laboral, vulnerando dereitos sindicais e outras cuestións de ratios e de mantemento das instalacións que lle afectan directamente á calidade da atención educativa dos nenos e nenas", asevera.

Algunhas das deficiencias que as traballadoras lle transmitiron en repetidas ocasións á dirección da empresa para que as arranxara de inmediato son: falta de limpeza en xeral, portas que rompen continuamente e con dificultades para abrilas, patio con verdín e en mal estado (a valla incluso a medio caer), cables á vista, mobiliario sen fixar ás paredes, xoguetes non aptos para a idade 0-3 (pezas demasiado pequenas), falta de mobiliario de aula (poucas tronas e hamacas, teñen que facer quendas para poñer a comer os nenos e nenas en tronas)... etc.

Así pois, a CIG-Ensino apela unha vez máis á inspección educativa, á Inspección de Traballo e á Xunta a que tomen medidas para evitar calquera incidente serio a respecto da integridade física das persoas que empregan a escola e que está a sufrir un grave deterioro por falta de mantemento. “Esta empresa agora mesmo susténtase na profesionalidade das súas traballadoras e é unha neglixencia que a administración mire para outro lado”, sentenza Rubén Monteagudo.