A CIG-Ensino denuncia o atraso no pagamento das axudas de normalización lingüística aos centros
A Consellería de Educación segue desprezando o noso idioma ao adiar cada ano máis o pagamento da cantidade que reciben os Equipos de Normalización, arredor de 300 euros, para realizar actividades que promovan o uso do galego entre a comunidade educativa. Cando xa levamos case un mes desde o inicio do curso escolar aínda non se aboaron as axudas que lles foron concedidas no pasado curso, superando incluso a data na que se fixo o aboamento noutras ocasións.
Desde o sindicato nacionalista lémbraselle á administración galega que ten que cumprir o Plan de Normalización Lingüística e poñer todos os recursos ao alcance da comunidade educativa para promocionar o galego entre o alumnado. Neste sentido, as cantidades que se destinan son “totalmente irrisorias” e apenas cobren gastos anecdóticos “como o transporte en autobús para acudir a unha actividade normalizadora”. “Malia que o Partido Popular alardea de que se está a producir unha recuperación económica, mantén o recorte nun 60% no orzamento destas axudas e non se digna a dotalas cunha cantidade que realmente permita programar actividades con algo de entidade”, denuncia a CIG-Ensino.
Así mesmo, para facilitar a planificación dos gastos que se van acometer, os Equipos de Normalización precisan que a convocatoria se publique a comezos de curso e que a resolución se faga, a máis tardar, no inicio do segundo trimestre. Desde a CIG-Ensino estase a reclamar ano tras ano que se mellore a xestión deste tema sen que a Consellería até o momento fixera nada por darlle unha solución.