A CIG-Ensino denuncia na Inspección as ilegalidades durante a folga en Beatriz Seijo Art Studio + Gallery
No sétimo día de folga indefinida, o persoal de Beatriz Seijo Art Studio + Gallery realizou unha nova concentración ao mediodía diante das instalacións da empresa en Santa Marta (Santiago de Compostela) e durante a tarde desenvolveu unha aula aberta creativa, para explicar os motivos que levaron á convocatoria do paro indefinido. De non se produciren avances, as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.
A CIG-Ensino remitiulle un correo á xerencia da empresa Beatriz Seijo Art Studio + Gallery anunciando que ía presentar denuncia ante a Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga das traballadoras. Cando se cumpren 7 días do inicio da folga indefinida, secundada polo 90% do persoal docente e o 80% do persoal total, constátase que a dirección da empresa está substituíndo por persoal interno as compañeiras en folga, concretamente durante as clases de creatividade infantil celebradas o mércores, venres, sábado e onte luns, e tamén as aulas de creatividade xuvenil (pasado xoves día 12).
No escrito dirixido á Inspección de Traballo explícase que se lle pediu á empresa que cesara esta actitude de abuso e vulneración do dereito á folga, lembrándolle que varias sentenzas do Tribunal Constitucional indican expresamente que non se pode realizar esta substitución do persoal en folga por traballadores e traballadoras internos. En concreto, a CIG-Ensino refire as sentenza STC 123/1992 e a STC 033/2011, que sentan xurisprudencia sobre este asunto.
O comité de folga insta a empresa a cesar esta actitude e a sentar, desde a boa fe negociadora, para intentar solucionar un conflito que satisfaga as partes e poder así reiniciar a actividade da empresa con total normalidade. Insiste en que é preciso readmitir a traballadora despedida, que estivo un ano como falsa autónoma prestando funcións para a empesa, e modificar a categoría profesional das traballadoras que son profesoras titulares de creatividade infantil e que están contratadas por categorías inferiores como a de monitoras.
Xunto a isto, demandan regularizar a antigüidade, a xornada e o rexistro horario de todo o persoal, equiparar salarialmente a todo o persoal que realiza as mesmas función, así como reducir as rateos nas aulas e contar cun plan de seguridade para as distintas actividades que se levan a cabo no centro.