
A CIG-Ensino denuncia máis de 20 despedimentos e 18 baixas voluntarias no último ano e medio en AMICOS

Delegadas da CIG no comité de AMICOS e traballadoras despedidas e represaliadas compareceron esta mañá en rolda de prensa, xunto ao secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo para denunciar a situación de terror laboral que se vive na empresa. A CIG denuncia tamén máis de 20 despedimentos e 18 baixas voluntarias no último ano e medio e anuncia a convocatoria dunha mobilización para o vindeiro día 26 de marzo, ás 19:30 horas en demanda do cumprimento do convenio e para que remate a campaña de acoso.
Na comparecencia Monteagudo, acusou á xerencia de AMICOS de non querer “persoal traballador, senón escravo”. Neste sentido, ofreceu uns datos que evidencian o modo de proceder da dirección da empresa “con despedimentos totalmente inxustificados, un total de 20 contabilizados só no último ano e medio, despedimentos improcedentes e inxustos, cheos de mentiras ou de feitos que nunca se produciron”.
Así mesmo, neste mesmo período de tempo “producíronse outras 18 baixas voluntarias de persoal que non puido soportar máis a presión de traballar baixo un réxime de terror laboral onde as faltas de respecto, presións, ameazas, amoestacións, sancións e avisos de que ter contacto ou simpatía polas delegadas da CIG será un despido asegurado”.

Monteagudo aproveitou tamén para denunciar a campaña de acoso, calumnias e difamacións vertidas contra as delegadas sindicais da CIG, nomeadamente contra Sandra Sevilla, coa conivencia do sindicato UGT e da persoa que ostenta a presidencia do comité de empresa desta central que rompeu un acordo para exixir conxuntamente a aplicación dos artigos 47 e 50 do convenio e a aplicación do Plan de igualdade. En concreto, a comisión de seguimento deste non se reuniu en xaneiro para negociar as propostas da CIG por esta parálise.
Todo isto está xa denunciado ante a Inspección de Traballo e prevese facelo nos xulgados en breve. O responsábel dos sector privado de atención á discapacidade da CIG manifestou que “consideramos necesaria esta rolda de prensa porque queremos darlle a coñecer a toda a poboación da comarca do Barbanza o que está pasando en AMICOS, unha empresa que incumpría sistematicamente o convenio pero que empezou a actuar de forma persecutoria contra o persoal que se organizou e presentou unha candidatura da CIG para concorrer ás eleccións sindicais”.
Campaña de acoso ás delegadas da CIG
A comparecencia serviu tamén para que as delegadas fixeran valer o seu traballo desde que a CIG obtivo representación no comité. Neste sentido, Sandra Sevilla, lembrou que agora se cobran pluses que antes non se percibían e que se lles entrega o cadrante anual en tempo, entre outros exemplos, “malia os enormes atrancos e as represalias que recibimos as persoas que loitamos por estes dereitos”. Así, relatou en primeira persoa o que lle leva acontecendo nas últimas semanas na empresa. “Téñenme illada na residencia e chegan a prohibirlle ás miñas compañeiras falar comigo, ademais dos escritos que lles obrigaron a escribir contra min a algunhas persoas.
A día de hoxe e despois de ir ao xulgado e de quitarme unha amonestación grave seguen sen admitir que ma quitaron”. Sandra Sevilla entende que a dirección da empresa “non ten en conta que se trata dunha asociación sen ánimo de lucro e aos xeitos da peor patronal, pero despois non lles importa perder cartos pagando indemnizacións por eses despedimentos improcedentes”. Na súa intervención apelou directamente ás traballadoras e traballadores de AMICOS. “Loitamos para vós e estamos con vós. Esta é unha loita colectiva”.

Pola súa parte, Merchi Franco, traballadora despedida hai menos de un mes e cunha antigüidade na empresa desde 2023 fixo unha recompilación do trato que recibiu durante o tempo que estivo en AMICOS “En contables ocasións canceláronme sine die as vacacións co argumento de que non tiñan persoal, fun chamada de urxencias múltiples veces para cubrir quendas que non me pertencían. Nunha presentei unha queixa formal á dirección porque tiña medo a que me despediran, mandábanme facer traballos na casa para a asociación e despois de dous contratos temporais paso a ser indefinida este ano con ascenso a responsábel de turno”.
A isto engadiu que en febreiro rescindíronlle o contrato “de forma totalmente inxusta”. O que motivou este cambio de actitude, explicou, “foi que cometín a ousadía de falar coa responsábel de persoal da CIG unha semana anterior. Cando comezaba as miñas vacacións entréganme a carta de despido na que me acusan de romper mobiliario e de faltarlle ao respecto ás miñas compañeiras de forma reiterada. No SMAC AMICOS recoñece que o meu despido é improcedente, o que demostra que esta asociación, financiada pola Xunta de Galiza, non respecta os dereitos do seu persoal e simplemente somos un número”.
Ante os testemuños tanto da delegada sindical como da traballadora despedida, o secretario comarcal da CIG-Ensino lanzoulle unha pregunta aos responsábeis comarcais e nacionais de UGT: “Subscribe e apoia ao comité de empresa de AMICOS a dirección deste sindicato?”.
Concentración o vindeiro 26 de marzo
A convocatoria da mobilización prevista para o vindeiro 26 de marzo na Praza de Galiza en Boiro ten como obxectivo reivindicar que “dunha vez por todas se cumpra o convenio en cuestións tan básicas como os descansos semanais, na xornada diaria, nas ratios etc”.
Neste sentido fixo un chamamento á participación nesta concentración, prevista para as 19:30 horas, por parte de toda a sociedade da comarca. “Esta convocatoria é aberta a todas as persoas, incluídas as familias dos usuarios e usuarias, que entendan que a dignidade e a estabilidade das traballadoras é a mellor garantía para a atención dos seus familiares. Non é positivo que cambie constantemente o persoal de apoio. As persoas que traballan e traballaron en AMICOS son grandísimas profesionais e por iso poden estar tranquilas pero basta xa de medos e coaccións. A CIG estará ao carón de todas aquelas persoas que queiran que se respecten os seus dereitos”, concluíu.