A CIG-Ensino denuncia a “situación límite” da EEI Concepción Crespo Rivas de Pontevedra

Alumnado e profesorado de Educación Infantil levan sen calefacción desde setembro
Pontevedra - 02 Feb 2026

A CIG-Ensino de Pontevedra denunciou recentemente a “situación límite” que está a vivir a comunidade educativa da Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas, que leva desde o pasado mes de setembro sen calefacción como consecuencia dunha actuación neglixente da Consellaría de Educación nunhas obras que foron inauguradas e publicitadas sen estar rematadas nin contar coas garantías legais necesarias.

Na central sindical explican que desde hai meses preto de 200 crianzas de Educación Infantil e o seu profesorado reciben e imparten docencia a temperaturas inferiores aos 14 graos, incumprindo de maneira flagrante a normativa básica de seguridade e saúde no traballo. “Trátase dunha situación imperdoábel, tanto polo tempo transcorrido como pola absoluta falta de respostas eficaces por parte da Consellaría, malia as múltiples protestas, escritos, chamadas de atención e denuncias públicas realizadas pola comunidade educativa e pola ANPA do centro”. 

Desde hai meses preto de 200 crianzas de Educación Infantil e o seu profesorado reciben e imparten docencia a temperaturas inferiores aos 14 graos

O inspector técnico encargado de autorizar o subministro de gas visitou o centro en varias ocasións, detectando deficiencias de suficiente gravidade como para impedir a posta en funcionamento da instalación,” o que confirma que a Consellaría permitiu o uso das novas dependencias sen contar co correspondente fin de obra nin coas condicións mínimas exixíbeis”.

Ante esta situación de inacción e deixamento, a CIG-Ensino presentou denuncia ante a Inspección de Traballo e levou o caso á Mesa Sectorial de Educación, á espera de que se actúe e se obrigue a Consellaría a adoptar de maneira inmediata as medidas necesarias, “xa que non son condicións dignas nin seguras nin para traballar nin para escolarizar alumnado, e menos aínda tratándose de crianzas de tan curta idade”.

Alternativa insuficiente

Ao mesmo tempo, dende a CIG lamentan que lonxe de ofrecer solucións reais e definitivas, a Consellaría limitouse a autorizar o uso de calefactores eléctricos como medida provisional, “unha alternativa claramente insuficiente que non solucionou o problema e que provocou apagamentos eléctricos constantes, varios ao día, debido á sobrecarga dunha instalación que non está preparada para soportar esa demanda”. Esta situación supón ademais un risco engadido para a seguridade do alumnado e do persoal, tal e como advertiron os propio persoal técnico.

Neste contexto, o secretario comarcal da CIG-Ensino en Pontevedra, Xacobe Rodríguez Díaz, sinala que “resulta absolutamente inadmisíbel que esta Xefatura Territorial e esta Consellaría de Educación, que presumen constantemente da calidade do ensino, da renovación de centros e das melloras nas infraestruturas, manteñan unha escola infantil con case 200 crianzas de 3, 4 e 5 anos sen calefacción desde o mes de setembro. Estamos ante unha actuación irresponsábel e un grave deixamento de funcións”.

Polo que exixe unha solución inmediata e definitiva, “e que non se normalicen situacións que atentan contra a saúde, a dignidade laboral e o dereito a unha educación en condicións adecuadas. Non é admisíbel que, meses despois, a Consellaría siga sen dar unha resposta á altura da gravidade do problema”.