A CIG-Ensino denuncia a actuación da Consellaría ao respecto do IES Val do Asma de Chantada
Desde comezos deste curso, a comunidade educativa do IES Val do Asma de Chantada está pendente do futuro do centro, xa que recibiron información por parte de distintos cargos da Consellaría de Educación, sempre de xeito verbal e nunca por escrito, da posíbel transformación do centro nun Centro Integrado de Formación Profesional, concentrando as ensinanzas de FP no centro ao tempo que se traslada secundaria e bacharelato ao IES Lamas das Quendas.
As informacións que se trasladaron até agora dende a Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo e dende a Mesa Sectorial de Educación, en resposta a preguntas da CIG-Ensino, foron en todo momento contraditorias, contribuíndo así a xerar máis inquedanza.
Neste senso, Laura Arrojo, da CIG-Ensino de Lugo, critica que todo o relacionado coa prevista transformación da oferta educativa no concello de Chantada "amosa a improvisación e a falta de coordinación interna na Consellaría". Así, sinala que mentres no día de onte, 26 de abril, o director xeral de centros afirmaba que no que ao seu departamento se refería, os centros de Chantada ían seguir como na actualidade, nunha nova reunión da Mesa Sectorial deste mércores, o secretario xeral da consellaría afirmou ser “o único que pode falar con propiedade do tema” e asegurou que cando se fagan as obras pertinentes, o IES Val do Asma quedará só como centro de formación profesional, agrupándose todo o alumnado da ESO e o Bacharelato no IES Lamas da Quendas.
A CIG-Ensino esíxelle ao conselleiro de Educación, como máximo responsábel, que informe con carácter inmediato á comunidade educativa de Chantada sobre o futuro dos centros de secundaria do concello. O sindicato considera que, á vista da baixa demanda de FP, a intención final é deixar “morrer” o Val do Asma, reducindo a calidade da oferta educativa e demanda das diferentes administracións que se sumen a exixir o mantemento da situación actual nos centros.
"Vemos como nos últimos anos reducen sen xustificación a oferta pública nas vilas e no medio rural mentres que nos ámbitos urbanos aumentan as ratios nas aulas. E todo isto dun xeito unilateral sen consultar nin negociar coa comunidade educativa", alerta Arrojo.
A CIG-Ensino está en contra desta reorganización de ensinanzas que forma parte da política contra o ensino público que o goberno do Partido Popular na Xunta leva practicando desde o ano 2009 co peche de centros e a redución de aulas e docentes, dende a visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento.