A CIG-Ensino demanda que o persoal interino puntúe no concurso de traslados

Solicita una reunión da Mesa Docente Estatal para que se aplique esta medida
Nacional - 09 Set 2022

A CIG-Ensino vén de solicitar una reunión urxente da mesa estatal Docente para que se aplique, de inmediato, a puntuación como persoal interino no concurso de traslados. A medida non afectaría ao profesorado galego, xa que a puntuación se aplica desde 2013, mais evitaría os problemas polas diferentes puntuacións, porque Galiza era a única comunidade en aplicalo.

En Galiza, todo o profesorado que foi interino e participa no CXT ten dereito a que se lle puntúen os méritos perfeccionados durante o tempo no que era persoal temporal. Isto é así desde o concurso de traslados do curso 2013/2014. Porén, o Ministerio negouse reiteradamente a incorporar este dereito na normativa básica estatal, o que veu ocasionando problemas na baremación e adxudicación de prazas cando profesorado con destino en Galiza concursaba para fóra e viceversa.

O Tribunal Supremo, nun recurso de casación promovido pola Junta de Andalucía, senta finalmente xurisprudencia sobre este tema, ao desestimar o recurso de casación da administración andaluza. Por tanto, declara procedente a valoración dos servizos prestados como funcionario interino e en prácticas dentro do mérito de antigüidade no corpo.

En Galiza desde o curso 2013/2014, despois dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, xa se puntuaban os servizos prestados como interino ou prácticas, situación que dificultaba sobre maneira o cambio de Galiza ao resto do estado e viceversa.

Foi unha vella demanda da CIG que o tempo traballado como persoal funcionario interino ou en prácticas puntúe a todos os efectos nos distintos concursos de traslados. Por iso a central sinidcal levaba anos instando ao MEFP para que introducise os cambios necesarios no Real Decreto 1364/2010 polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes, sen ir máis lonxe mesa sectorial do estado celebrada o 26 de xullo.

Agora, coa sentenza do Tribunal Supremos xa non ten escusa e debe facela efectiva nos concursos que nos diferentes ámbitos territoriais se convocarán en datas próximas, como xa o fai Galiza.

Nesta modificación, a CIG-Ensino solicita que se puntúe exactamente igual a como se fai en Galiza, incorporando tempo traballado en centros de especial dificultade ou polo exercicio de cargos e coordinacións.

 

O tempo coloca a cadaquén no seu sitio

A CIG-Ensino tivo claro desde sempre que se deben recoñecer os servizos prestados e o traballo realizado con independencia da situación administrativa das persoas que os fagan, sexan interinas ou funcionarias de carreira. Así o deixou claro cando se aplicou o cambio no curso 2013/14 e así o demostrou esixindo nas mesas sectoriais do estado que se aplicara este cambio. “Fixémolo a nivel do estado en solitario, sen obter o apoio de ningunha organización sindical. Tamén a nivel galego houbo sindicatos que navegaron entre a indefinición e a postura sectorial e discriminatoria de negar esa puntuación”, explica.

Por iso agora agarda que o MEFP sexa receptivo e que, nun momento no que está prevista a modificación de normas con rango de real decreto, atenda a demanda da CIG-Ensino e introduza os cambios no Real Decreto 1364/2010.